A institución provincial realiza estes días as tarefas de pavimentación da LU-P-5202, nos treitos comprendidos entre os quilómetros 1 e 1,9 e 2,6 e 4, logo de limpar as cunetas e deixar despexados os pasos salvacunetas
O proxecto comezou a executarse coa limpeza dos laterais da vía, eliminando a vexetación e os aterramentos. Ademais, despexárons os pasos salvacunetas e calquera elemento existente que era necesario para garantir unha correcta evacuación das augas. Agora xa está en fase de pavimentación e logo, unha vez rematadas estas tarefas, procederase a realizar a sinalización horizontal nestes dous treitos con marcas reflexivas brancas.
Estas obras resultarán moi beneficiosas para os centos de usuarios e usuarias que utilizan esta estrada a diario, sobre todo porque enlaza coa rotonda que dá acceso á autovía que une Galicia con Asturias, a A-8.
A Deputación xa mellorou recentemente esta mesma estrada no seu tramo máis urbano. Cun investimento de 47.000€, a institución provincial acondicionou esta vía nos seus primeiros 400 metros. Pavimentouse e dotouse de beirarrúas, o que mellorou de maneira exponencial a seguridade da veciñanza de Vilaselán que acude camiñando ata o centro de Ribadeo.
Con esta actuación na rede viaria provincial, a máis extensa de España, a Deputación segue traballando nun dos seus principais obxectivos, como é a mellora das comunicacións viarias, necesarias para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial.
7M€ investidos en Ribadeo nos últimos anos
Ribadeo recibiu da Deputación de Lugo preto de 7M€ desde o ano 2019 para mellorar os servizos públicos da veciñanza. A maior parte dos recursos da institución provincial para este municipio foron destinados á mellora e dotación de infraestruturas, á renovación das estradas provinciais, ao fomento do emprego, ao mantemento do Centro de Atención a Maiores, e ao apoio do tecido social e económico, e de actividades de promoción turística, culturais e deportivas.