A Xunta de Goberno aprobou este venres unha colaboración económica co municipio da Mariña para rehabilitar o antigo teleclub da parroquia de Vilaformán e favorecer así o acceso a Internet e dotar doutras ferramentas dixitais á veciñanza
“Trátase dunha iniciativa de carácter innovador impulsada pola Alcaldesa e tamén Deputada provincial, Mayra García, que vai favorecer o acceso e o uso das novas tecnoloxías no rural, e con elo dinamizar a vida social e económica do municipio”, explicou Rivera Capón. O Deputado sinalou que o novo servizo, que se situará no antigo teleclub, prestará atención de xeito directo a medio cento de veciños e veciñas da parroquia, pero tamén á veciñanza de todo o concello.
O proxecto servirá para poñer a punto 131 m2 deste edificio, separado en dous espazos: nun deles instalaranse mesas con ordenadores e noutro, a maiores, un proxector cunha pantalla. Un espazo no que se poderán desenvolver outro tipo de actividades, como cursos relacionados con actividades do rural, clases de primeiros auxilios, ximnasia ou cursos informativos.
Segundo explicou o Deputado, os traballos consistirán, por unha parte, na retirada da rede eléctrica e os equipos de iluminación existentes, na demolición de tabiques, pavimentos e revestimentos interiores e na retirada da carpintería de madeira existente. E por outra, na adecuación e actualización do espazo e a construción dun aseo adaptado. O prazo de execución das obras será de dous meses, desde que comecen.
Roza de 7 parcelas provinciais
Outro dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno foi a adxudicación do contrato para a prestación do servizo de roza e mantemento de 7 parcelas forestais propiedade da Deputación por un importe de 24.000€ e por un período dun ano, prorrogable por outros dous. Son en concreto espazos verdes situados no concello de Lugo, nas inmediacións da Protectora, o Apiario e na parroquia de Santa Eulalia, que suman un total de 8,9 hectáreas.
O contrato inclúe ademais unha bolsa de hectáreas adicionais, que suporán o 30% desa superficie, ata chegar ás 11,57 hectáreas.
Portomarín perde unha subvención por falta de xustificación
Na sesión celebrada este venres acordouse tamén a perda do dereito de cobro do total da axuda de 3.000€ que a Deputación lle tiña concedida ó Concello de Portomarín para a celebración da Festa da Augardente 2022, porque incumpriu a obriga de xustificar a devandita aportación nos termos establecidos no Plan Único, e porque logo presentou as alegacións fóra de prazo.
Programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios
A Xunta de Goberno deu luz verde ao último trámite administrativo para o pago dunha subvención a unha asociación da Pastoriza que resultou beneficiaria do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo. Trátase da Agrupación A Espiñeira, que recibirá 6.000€ para a reparación da traída de auga da Fonte do Millo.