O vindeiro luns o persoal realizará unha ‘colgada’ de fregonas na Praza Maior
Lugo, a 20 de outubro de 2023. No quinto día de folga no sector da limpeza, as traballadoras proseguiron cos piquetes informativos e as accións de rúa para visibilizar un conflito que, a pesar das consecuencias que ten, non adoita ocupar as portadas dos medios de comunicación. Por iso, para o vindeiro luns, 23 de outubro, o persoal acordou realizar unha performance reivindicativa ás 11 horas, na Praza Maior, que consistirá nunha ‘colgada’ dunha das súas ferramentas de traballo máis simbólicas: a fregona.
A limpeza é un servizo esencial, tal e como quedou demostrado durante a pandemia e como se está a evidenciar na folga indefinida que as traballadoras e traballadores iniciaron o pasado luns. Aínda que as consecuencias do paro xa se notan en centros de saúde, colexios, dependencias administrativas, comercios ou industrias, a patronal continúa ninguneando o conflito, sen contestar a última proposta da parte social e sen concretar data de reunión da mesa.
Ante este desprezo, un dos obxectivos dos piquetes informativos é visitar os distintos centros de traballo que teñen contratados servizos de limpeza para explicarlles as compañeiras e compañeiros desas empresas os motivos da folga, cales son as súas reivindicacións e a situación de bloqueo na que a patronal estatal, ASPEL, mantén a negociación do convenio provincial.
Neste marco, hoxe venres, as traballadoras en folga achegáronse até o Centro Comercial das Termas e até ás instalacións de Europastry, xa que tanto as tendas como a compañía panadeira teñen externalizada a limpeza. Alí, explica Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos, pedíuselle ás traballadoras e traballadores que se solidaricen coa loita do sector e que non boicoteen o seu dereito á folga asumindo as tarefas de limpeza dos seus centros de traballo.
“A responsabilidade de que nas dependencias públicas e nos centros de traballo se vaia acumulando a sucidade non é das traballadoras, que están exercendo o seu lexítimo dereito á folga; é culpa dunha patronal que non asume as súas responsabilidades e aposta por prolongar o conflito, condenando o persoal a unhas condicións laborais e salariais de precariedade”, asevera Castiñeira.
De aí que, onte xoves, se fixera unha concentración diante de EULEN, unha das empresas que integran ASPEL que conta con oficinas en Lugo. “Se a patronal considera a limpeza como unha actividade esencial para xustificar pedir uns servizos mínimos do 100%, ten que darlle a mesma consideración á hora de recoñecer uns salarios dignos para o sector. Non pode ser que nunha actividade esencial e na actual situación de medre da carestía, as traballadoras sigan cobrando por debaixo do SMI e ademais pretendan recortarlles a antigüidade”, denuncia Castiñeira.