Foz, 5 de outubro de 2023. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, informa que despois das últimas analíticas elimínanse as recomendacións de non usar a auga da traída para a inxesta.
“O día 25 de agosto recomendamos por segunda vez neste verán ás veciñas e veciños de Foz non empregar a auga da traída para beber e cociñar. Despois de distintas actuacións na planta potabilizadora, na que se axustou o caudal de potabilización, mellorouse a dosificación de peróxido e iniciouse o tratamento cun floculante que favorece a eliminación da materia orgánica, hoxe podemos asegurar que a auga da traída se pode empregar para calquera uso con total tranquilidade e normalidade. Os niveis de trihalometanos en tres analíticas consecutivas de mostras tomadas o pasado venres e o luns e martes desta semana están por debaixo dos 100 microgramos por litro en todos os puntos de mostreo. De feito o valor máis alto na última analítica realizada -a deste martes- é de 57 microgramos por litro”, explica o rexedor municipal.
Fran Cajoto engade: “desde un primeiro momento actuamos coa maior das transparencias, informando a todas e todos dos valores da auga potabilizada e trasladando as recomendacións que nos indicou a Consellería de Sanidade. Quero destacar que se van a continuar realizando analíticas cada dous días, para unha mellor seguridade de todos os usuarios”. O alcalde destaca ademais que segue pendente a instalación de equipos de medición continua e a substitución dos filtros de area por unha arlita que mellorará aínda máis as propiedades da auga, traballos que están á espera de recibir os materiais encargados. “As medidas previstas vanse implantar para maior seguridade e debemos seguir a mellorar a potabilizadora a medio e longo prazo. Traballamos para evitar que episodios coma este se repitan e de novo debo reiterar as desculpas a todos os usuarios”, remata Cajoto.