Site icon Crónica3.com A Mariña

A Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, é a nova presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense

A Mariña, 5 de outubro de 2023. Rocío López, a alcaldesa de Lourenzá, é a nova presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Así o decidiu hoxe a asemblea celebrada esta tarde no Cenima, en Foz.

López tivo palabras de agradecemento “para todos os compañeiros e compañeiras que depositaron a súa confianza en min e que me elixiron para ser a presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña. Asumo este cargo con moita felicidade e sobre todo coa responsabilidade e o compromiso de traballar para o conxunto da Mariña. Síntome en condicións de poder ser útil e aportar cousas positivas para a Mancomunidade. Despois de oito anos gobernando unha dáse conta de cales son as dificultades coas que hai que lidiar no día a día, e soen ser moi similares en todos os Concellos da Mariña”.

A rexedora de Lourenzá dixo crer firmemente na Mancomunidade “tamén como un instrumento de axuda aos Concellos porque a experiencia me di que hai moitas cousas difíciles de sacar a diante individualmente, pero de xeito conxunto son máis fáciles de abordar, se optimizas servizos consegues aforrar custos. Dende hoxe poñereime a disposición de todos os Concellos porque creo firmemente en que o camiño correcto é ir todos da man, deixando de lado as cores políticas, creo nas persoas e nos feitos porque todos buscamos un interese común que é o ben para a comarca. Iso xa se veu demostrando ó longo destes anos xa que cada vez que son máis as cousas que se aproban por unanimidade e creo que iso é de celebrar”.

Rocío López tivo palabras de recoñecemento para o seu antecesor: “quero felicitar enormemente a Fran Cajoto por todo o traballo que desenvolveu ó longo destes anos, porque foi moito e moi proveitoso para o conxunto da comarca. Tomo o seu relevo sendo consciente dese legado que me deixa, deses grandes proxectos que iniciou e aos que eu debo dar continuidade, poñerei sen dúbida todo o meu empeño para culminar todos e cada un dos proxectos. As accións do Plan de Sostenibilidade Turística serán un dos eixes principais nos que seguir traballando para que todos eses proxectos sexan unha realidade”.

A nova presidenta da Mancomunidade considera que “debemos seguir posicionando a Mariña como un xeodestino, temos unha climatoloxía moi favorable e somos moi ricos en recursos turísticos e cada ano gañamos en cifras de visitantes. Debemos aproveitar todo iso e adaptar a oferta turística buscando a desestacionalización fóra dos meses de verán. Seguirei traballando nese eido como o facía Fran para que cada vez A Mariña sexa máis coñecida fóra das nosas fronteiras”.

López substitúe no cargo a Fran Cajoto, alcalde de Foz, que chegou á presidencia da Mancomunidade no 2020. O rexedor é desde hai unhas semanas o deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, motivo polo que considera que chegou a hora de proceder ao relevo na presidencia da Mancomunidade: “considero que non se deben acumular cargos nunha mesma persoa”.

Cajoto fai un balance positivo do seu paso polo ente: “conseguimos o Plan de Sostibilidade Turística para A Mariña, que está a supoñer un investimento moi importante para esta comarca, estamos a falar de 2.225.000 euros destinados a un proxecto de turismo sostible que ten identidade propia e que está en marcha. Acabamos de presentar a campaña do contedor marrón, o da recollida do orgánico para seguir afondando na reciclaxe e na compostaxe na nosa comarca; ademais de facer promoción da Mariña con diferentes propostas moi interesantes fora da campaña estival, por poñer so unas exemplos”.

E engadiu: “deséxolle moita sorte a Rocío López nesta andaina. Estou seguro de que o fará moi ben. As rexedoras e os rexedores desta comarca estaremos con ela para desenvolver todos os proxectos que temos pendentes”.

Exit mobile version