A rexedora municipal engade que “teñen cuestións máis que de sobra para comezar a traballar. Tamén sería bo que lle trasladasen á Xunta a necesidade de maiores anticipos no caso dos obradoiros de emprego para que os Concellos pequenos non teñamos dificultades de liquidez á hora de xestionalos; seguro que dese xeito serían moitos máis os Concellos que solicitarían os obradoiros”.
Ademais Rocío López aclara que “o dos contedores de Montero Villegas é outra mentira máis do PP. Si é certo que nos deron moitos problemas, como todos os que temos soterrados, pero eses en concreto levan funcionando dende antes da Festa da Faba. Non me sorprende que non o saiban xa que acostuman a vir polo pobo cando hai que sacar algunha foto e pouco máis. Se estiveran todos os días saberían ben que levan tempo funcionando e tamén que as rúas non están tan sucias como din eles, xa que hai unha persoa que dedica case toda a súa xornada diaria a varrer e limpalas. Que mágoa que nun concello pequeno para algúns a política moitas veces se antepoña aos intereses dos veciños con tal de sacar un rédito político. Para nada me sorprende porque é a súa política de sempre. Pero que saiban os señor@s concelleir@s do PP local que non imos entrar nesa dinámica da confrontación e do desprestixio, moi propia deles e que o único que trae e inestabilidade e malestar para a veciñanza. Mentres tanto nós seguiremos a traballar polo que cremos mellor para Lourenzá, coa conciencia moi tranquila de estar a facer o mellor que podemos. E outros que sigan na súa liña: poñendo paus nas rodas e criticando para que non se faga nada”.