Ángel Stanich, Bala&Lúa Mosquetera, Caamaño&Ameixeiras, Catuxa Salom, Carlangas, Eme DJ, Fillas de Cassandra, Grande Osso, Juno, La Paloma, Medio Quinhón, Óscar Fedez&Leo Salinas, Sexy Zebras, Shego, Xoel López e Batuko Tabanka completan o cartel do festival que mantén a aposta por bandas galegas emerxentes xunto a nomes consolidados no panorama indie estatal.
O deputado provincial e responsable da área Mocidade, Daniel García subliñou “que o Osa do Mar xurde e que se mantén como unha iniciativa do tecido asociativo local, da Asociación Cultural Fanto Fantini, algo pouco habitual no mapa de festivais. Para a Vicepresidencia da Deputacíon de Lugo é prioritario dar apoio ás propostas do asociacionismo e á xente que está detrás delas, e facelo de xeito estable e continuado para que poidan traballar con certezas”.
Tamén valorou “a aposta que fan polas bandas galegas e a música en galego, moi presente no cartel deste ano. Seguimos precisando ampliar os escenarios e os altofalantes para as nosas artistas e para a nosa lingua”.
A área de Mocidade achega 12.000 euros á organización do Osa do Mar.
Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia colabora coa oitava edición do festival Osa do Mar de Burela. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou hoxe na presentación desta cita, da que destaca que atrae a centos de persoas ao concello, “o que contribúe a dinamizar a economía local e repercute en sectores como o turismo, xa que constitúe un bo reclamo para visitar A Mariña”.
Arias felicitou aos integrantes da asociación cultural Fanto Fantini “pola ilusión e o esmero co que traballan para sorprender e facer desfrutar ao público cunha proposta nova e diferente cada ano”.
O delegado lembrou que o Goberno galego “está a contribuír co seu patrocinio á celebración de eventos deste tipo, como son tamén todos os incluídos na plataforma FEST Galicia”, a marca creada pola Xunta para promocionar o territorio galego como destino musical, baixo criterios de calidade e sustentabilidade social.