O capitán do Full Energia Colo Colo Zaragoza anotou cinco tantos en Vista Alegre e evitou a remontada dun cadro laranxa un tanto impreciso na primeira xornada ligueira
Sábado 23 de setembro. O conxunto masculino do Pescados Rubén Burela inicio con mal pé a súa nova aventura na Segunda División. Os pupilos de David Rial demostraron que aínda están inmersos no proceso de adaptación ás novas chegadas e caeron diante dun Full Energia Zaragoza no que destacou a actuación do meta Fernandito e do seu capitán, Muniesa, que se marchou de Vista Alegre con cinco goles na súa conta persoal.
O primeiro tempo resumiuse nun minuto, no que o cadro mariñán foise por completo do partido e encaixou tres goles. Entre o 13 e o 14, Muniesa anotaba un triplete diante dunha defensa local desaparecida. Primeiro aproveitaba un rexeite de Kaluza a un disparo propio, no segundo adiantábase de cabeza entre o meta polaco e Charly, mentres que no terceiro batía por baixo ao gardameta laranxa. Tentaron os de David Rial responder ao golpe antes do descanso, pero as súas acometidas diante do marco de Fernandito non obtiveron ningún tipo de resultado.
Melloraron moito os bureleses tralo paso polos vestiarios e dominaron o partido por completo, o que lles serviu para igualar a renda visitante en oito minutos. O arxentino Nico Rosental facía o primeiro no minuto 25 aproveitando o penalti que cometera sobre el un Fran Tabuenca que se ía expulsado. Este feito marcou un primeiro punto de inflexión e o cadro aragonés non soubo responder ao golpe, encaixando outros dous tantos nun minuto. O canteirán Quelle marcaba no 27 tras un rexeite nunha xogada de estratexia e segundos despois era Ismael o que anotaba o empate. Facíao cun golazo pola escuadra na execución dunha falta directa.
Cando o partido parecía que se poñía totalmente a favor dos de David Rial chegaba o segundo punto de inflexión. Os visitantes eran capaces de anotar un tanto moi rápido, outra vez por mediación de Muniesa, e os mariñáns xa non puideron volver establecer as táboas. Tras o 3-4, cos locais xogando con porteiro-xogador desde nove minutos e medio para o final, chegaba o quinto dos maños no 37. Nesta ocasión era Manu Franco o que aproveita un erro de Nico Rosental na saída de balón.
Co Pescados Rubén Burela envorcado en busca de volver poñerse a un só tanto, Muniesa batía a Isma, que non puidera ir á zona de cambios para darlle entrada a Kaluza. Non baixou os brazos a escadra local e o 4-6, ao cabo definitivo, chegaba nunha boa triangulación entre Isma e Flethes que remachaba a gol o benaventano Malaguti. Un balón ao pau de Isma a 30 segundos do final puido meterlle máis pementa aos instantes finais, pero o partido terminaría finalmente co 4-6 no electrónico e os burelistas, do mesmo xeito que a pasada tempada en Ferrol, comezan o seu camiño na Segunda División con derrota na xornada inaugural.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 4 – 6 Full Energia Zaragoza
Pescados Rubén Burela FS (4): M.Kaluza (P), Loito (C), Isma, Álex García, Malaguti, – cinco inicial -, Ismael, Quelle, Alberto Mirás, Flethes, Charly e Nico Rosental.
Full Energia Zaragoza (6): Fernandito (P); Fran Tabuenca, Muniesa (C), Jorge Tabuenca, Pasamón – cinco inicial – Manu Franco, Prezado, Pasamón, Manu Cebrián, Marcos Forga, Guille Vela (PS) e Merlos.
Goles: 0-1, min. 13: Muniesa. 0-2, min. 13: Muniesa. 0-3, min. 14: Muniesa. 1-3, min. 25: Nico Rosental. 2-3, min. 27: Quelle. 3-3, min. 28: Ismael. 3-4, min. 29: Muniesa: 3-5, min. 37: Manu Franco. 3-6, min. 38: Muniesa. 4-6, min. 39: Malaguti.
Árbitros: Calleja Rubio e García Schmid (Asturias). Amoestaron aos locais Isma e Álex García, ademais de os visitantes Manu Franco, Muniesa e ao porteiro suplente Guille Vela. Expulsaron no minuto 25 ao zaragozano Fran Tabuenca.
Inicidencias: Unhas 800 persoas déronse cita no pavillón de Vista Alegre para presenciar a xornada inaugural da Segunda División de fútbol sala.