Barreiros, 2 Setembro, 2023. Sucedeu no lugar do Canteiro, á altura dunha zona de cámping, ao fío das 23:00 horas da pasada noite. Como consecuencia da colisión entre dous turismos, un total de cinco persoas, tres adultos e dous menores, tiveron que ser evacuados polos servizos sanitarios ata o centro hospitalario de referencia.
O aviso chegou á central de emerxencias do 112 Galicia a través dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que comunicaron a mobilización dunha ambulancia ata a parroquia de Benquerencia, no concello lucense de Barreiros, para atender aos feridos.
Co fin de prestar apoio ao equipo médico e restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o 112 informouse decontado aos Bombeiros de Barreiros e aos axentes da Garda Civil de Tráfico.
Unha vez no punto, os servizos de emerxencia confirmaron a evacuación das cinco persoas feridas e engadiron que non foi necesario utilizar o material de excarceración. Ademais, indicaron ao 112 que, despois do golpe, un dos vehículos rematou envorcado, o que implicou a intervención dun guindastre para efectuar a súa retirada.