José Tomé Roca recibiu no Pazo de San Marcos a Carmela López, con quen estudou novas vías de colaboración para seguir sacando adiante iniciativas que contribúan a dar solución ás necesidades existentes e tamén para facer realidade novas ideas que ten o equipo de Goberno para a localidade mariñá
Lugo, 16 de setembro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, recibiu no Pazo de San Marcos á Alcaldesa de Burela, Carmela López, para avanzar en proxectos que melloren a vida dos veciños e veciñas do municipio mariñán.
No encontro, analizaron cuestións a medio e longo prazo para o municipio, ademais de buscar solucións ás necesidades máis inminentes que a rexedora ten detectado. “Imos seguir traballando para sacar adiante iniciativas e accións necesarias que me trasladou a Alcaldesa nesta reunión, tanto en materia de infraestruturas, como en colaboracións co tecido asociativo da localidade”, dixo o Presidente, ao tempo que detallou que o farán “con boa sintonía e cun diálogo fluído para seguir a folla de ruta que marcamos nesta primeira reunión oficial”, afirmou.
A Alcaldesa explicou que tamén repasaron os investimentos que a Deputación fixo en Burela nos últimos anos e marcaron os obxectivos para os vindeiros co ánimo de “poder cumprilos todos e cumprir así coa veciñanza de Burela”, asegurou. “Temos un proxecto para Burela que queremos levar adiante co apoio da Deputación”, subliñou López.
A Deputación con Burela
A Deputación de Lugo dedicou no pasado mandato ao concello de Burela máis de 3 millóns de euros para acondicionar rúas e estradas, equipamentos deportivos, fomento do emprego e da actividade económica, e iniciativas culturais, turísticas e deportivas.