Urxencia e importancia son percibidas como subxectivas, mais teñen unha base construída en relación á percepción dos feitos. É dicir, persoas diferentes poden ver diferente urxencia no urxente ou diferente importancia no importante. Mais, aínda que non coincidan en causas ou solucións, a pouco que se reflexione sobre algo, é difícil que se intercambien os termos urxente / importante.
Nestes momentos cando comezo a escribir, a posibilidade de chuvia é a máxima esperanza para a solución dun incendio que leva pouco máis de 24 horas activo e, polo momento, segue sen estar controlado despois de que a fronte teña migrado case dez quilómetros ó NNE dende o seu nacemento. Como urxente, a urxencia de evitar que o lume consuma toda unha zona de preto de 10 km2 pode levarnos a cousas como axudar a apagar o lume, rogar ó ceo por unha chuvia que se fai a remolona ou increpar ó goberno -a calquera dos gobernos-, sexa pola falta de medios ou pola falta de obrigas legais para manter o monte dun xeito que non sexa a monte. Persoalmente, aínda que por varias razóns remate non facéndoo, a primeira das opcións que expoño coido que é a máis válida no sentido de rendible.
Pasan 24 horas máis e o lume está sufocado. Aplausos para as brigadas de incendios e toda a xente que colaborou (pode que non se note, pero máis da que parece e sae nos medios), grazas ás persoas que puxeron os seus medios como gran de area para construír esa vitoria colectiva contra as lapas. Aínda están fumegantes árbores e casas sobre a terra xa mollada pola choiva que se agradece no momento e a moitos causa molestia un pouco despois. As novas da masacre de palestinos polos israelís previamente atacados polos palestinos desaloxados das súas terras polos xudeus (podemos seguir ate varios miles de anos e non citar nin Hamás nin goberno israelí) xa se sobrepuxeron totalmente nas novas, tamén ás de masacres na Ucraína a mans dos pérfidos rusos (esta vez os máis fortes son os malos, din). É dicir, unha vez pasada a urxencia, a importancia de tratar arredor do incendio parece ter desaparecido.
Por suposto, os incendiarios son moi, moi malos. Que o sistema contraincendios esté funcionando en base ó voluntarismo de profesionais mentres a estrutura non parece que estea ben mantida parece ser problema de outros. Que o plantar eucaliptos non só estea legalizado senón potenciado por riba da legalidade que había anteriormente, é algo que non pode competir en popularidade coas múltiples e ben informadas actividades que mantén o conselleiro ou o tempo de perruquería dalgunha ministra (tema este interesante onde os haxa). Naturalmente, que as temperaturas leven superando marcas a decena de días anteriores, non ten moito que ver, pois o vento soprou forte aínda que non el non superara marcas, e a seca sabemos que non é a primeira vez que a hai, co que o falar do cambio climática e os medios para tentar evitalo pode deixarse para outros momentos, non? Para que pregunto? Claro que non!