Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentada a programación ‘Ponte de Outono 2023’ de Barreiros

Barreiros, 21 de setembro de 2023. O Concello de Barreiros presenta a programación “Ponte de Outono”, un evento que incluirá o mercadiño estacional, o II Son Urbán coa presenza de Grande Amore entre outros artistas, o día da bicicleta para as crianzas e a proxección da curtometraxe Hippocampus de Xaime Miranda.

As actividades realizaranse na Praza do Concello no que “serán uns días de programación variada e de calidade destinada para un público amplo e que seguro atraerán a xente de toda a Mariña nesta ponte”, segundo expuxo o concelleiro de Participación e Dinamización Daniel García.

O evento contará coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que respalda a aposta do Concello de Barreiros por unha programación cultural diversa e desestacionada.

Grande Amore no II Son Urbán

A segunda edición do Son Urbán, unha xornada para dar a coñecer a cultura urbana aberta á mocidade e á poboación en xeral, traerá a Barreiros o venres 13 de outubro a un artista consagrado no panorama musical actual como é Grande Amore. Acompañarano os artistas Tempo Norte, Dj Rapariga, Tor4 (Brasil), Fishman e Dj LaRock, amenizando este último os obradoiros de Football Street e Breaking, modalidade que será por primeira vez olímpica nos vindeiros Xogos.

O Mercadiño de outono encherá a praza

O xoves 12 de outubro terá lugar o Mercadiño de Outono, que seguirá a liña dos celebrados no Nadal e na primavera e que contará con postos de alimentación, artesanía, libros solidarios. Como novidade, participarán tres obradoiros artesáns que realizarán demostracións en vivo: de cestería, a cargo de María del Carmen Otero, de cantería, con Xosé Luis López, e instrumentos musicais impartido por Xoán Manuel Tubio (Xaneco).

Día da Bicicleta e estrea da curta Hippocampus

O sábado 14 celebrarase o día da bicicleta, cunha pequena ruta con saída e chegada na Praza do Concello, onde, ao remate, as crianzas poderán disfrutar con xogos e unha merenda final. No evento colaborará a asociación deportiva Augas Santas.

Para finalizar a Ponte de outono estrearase a curta Hippocampus producida por Nuno Pico, dirixida por Xaime Miranda e rodada no concello de Barreiros. Realizarase un coloquio ó remate coa presenza de diferentes membros da produción.

Exit mobile version