Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentada a programación do Teatro Pastor Díaz para o último trimestre do ano

A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, destaca o obxectivo do Goberno local de “facer da nosa unha cultura plural, diversa, que abranga tanto o feito no país como a nivel nacional”

Viveiro, 13 de setembro de 2023. O Concello de Viveiro organiza no Teatro Pastor Díaz unha ampla programación de espectáculos para o último trimestre deste 2023. Nos meses de outubro, novembro e decembro o teatro acollerá un total de 12 eventos entre representacións teatrais, concertos e incluso un espectáculo de maxia.

Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura, destaca que os eventos programados “inclúen como sempre grandes pezas teatrais a nivel galego, e tamén, como en anos anteriores, a nivel nacional”. “Neste caso teremos unha peza que chega dende o País Vasco e outra dende Madrid”, engade.

A concelleira sinala que o obxectivo principal desta programación é “facer da nosa cultura unha cultura plural, diversa, que abranga tanto o feito no noso país como o feito no panorama nacional”.

“É sempre un placer presentar esta programación, que demostra que o teatro Pastor Díaz está máis vivo que nunca”, afirmou Fernández Fernández-Noriega, “incluíndo a a máxima diversidade posible, para todos os gustos e todas as idades”. “Agardamos que sexa un éxito, como sempre, e agardamos ao público nas butacas”, concluíu.

A programación para os vindeiros meses no teatro inclúe ata oito representacións de obras de teatro para todas as idades. Tamén dous concertos da Banda Municipal de Música de Viveiro, o de Santa Icía o 18 de novembro e o de Nadal o 23 de decembro, e un espectáculo de maxia a cargo de 4 ilusionistas diferentes o 28 de decembro. Así mesmo, tamén se incluirá a programación da V edición de Superarte no mes de outubro.

Exit mobile version