Ribadeo, 19 de setembro, 2023. “Con só 3 meses pasados, todas e todos nós podemos ver como vai ser o goberno do PP en Ribadeo. Como todo o que o Sr Daniel Vega criticaba non mellorou, senón que empeorou; como se gasta diñeiro fóra do orzamentado (ou simplemente se queda a deber; xa se verá!) en cousas prescindíbeis, cando non totalmente supérfluas, e como anuncia como logro propio as obras e investimentos inmediatos do goberno anterior do BNG que xa quedaron con todos os trámites feitos e listas para levar a cabo”.
“Un apunte a maiores: cando algo se fai evidente que non vai ben, a culpa é do BNG. Balóns fóra!. Vexamos”.
Limpeza de rúas e camiños
“Foi unha das críticas constantes do PP. E eles comezaron baldeando rúas indiscriminadamente, incluso cando xa a seca era máis que evidente e o propio Concello decretara que non se podía gastar auga neses asuntos. Os contentores do lixo estiveron desbordados continuamente, cheirando, e con puntos fóra do casco urbano con todo tipo de desperdicios amoreados. As gabias non se rozaron até ben tarde, as que se rozaron”.
Lingua galega
“O Sr Vega sempre se declarou como galeguista (grande contradición militando no PP), e xa nos está deixando claro cal é a súa verdadeira fasquía con respeito ao galego: a mesma que a dos seu superiores Feixoo e Rueda, atacalo. Por primeira vez en moitísimos anos colócase unha placa en español, e as festas felicítanse nese idioma para os que entran da parte de Porto, incumprindo así a propia normativa do Concello que declara o galego como lingua vehicular”.
Punto Lila
“Non teñen moita práctica no que respecta ao feminismo, pois o primeiro que fan é montar un “punto violeta” nas festas que desprestixia e ridiculiza totalmente as reivindicacións das mulleres. Un posto durante as horas de menor afluencia e problemas onde, ademais, se dá unha imaxe patética do que alí se debería ofrecer: información e apoio ás mulleres que se senten acosadas neses eventos”.
Casa da Ría
“O Sr Vega mentiu e mente. Dixo que faltaba o telescopio da Casa da Ría, culpando de desleixo o goberno do BNG, e o telescopio está alí, ou polo menos iso manifestou algún veciño. En todo caso, é a responsabilidade do Concello velar pola seguridade do material que alí hai e de que a porta estea pechada”.
Pistas multideporte
“Critica o estado das pistas multideporte, cando esta obra estaba terminándose nas eleccións; Ten que responsabilizarse da entrega e dos posíbeis detalles de acabado, como é normal, e non botarlle a culpa aos demais”.
Elevador de Cabanela
“En vez de asumir o problema, a culpa é do goberno anterior. O elevador, como calquera outro dun edificio, ten que pasar unhas revisións que efectúa unha empresa especializada, que é a que certifica se está en boas condicións. Non hai máis. Se non o está ten que mandar arranxalo, sen máis. E debería tamén pedir desculpas por acusar a quen non ten nada que ver”.
Centro de Saúde e mercado dos mércores
“E que dicir dos trasacordos! Tanto falar de que, se gañaban as eleccións, cambiarían a localización do novo Centro de Saúde, esa localización que escolleu a propia Xunta como a mellor de entre as propostas polo Concello. E agora… nada. E o mercado dos mércores, que dixo que voltaría para o lugar anterior? “Agora non toca”, di. Canta hipocresía”.
Gasto incontrolado e supérfluo
“No que respecto ao diñeiro do Concello, o diñeiro público que é de todas e todos nós, como se (mal)gasta? Os gastos están determinados polos orzamentos municipais que se aproban anualmente e que distribuen os montantes en partidas concretas. Fóra diso, o gasto eventual e discrecional é limitado. Co Sr Dani Vega ocorre todo o contrario: non importa que sexan carpas, camisetas ou aplaudidores (!); todo ten cabida nas promesas e dispendios. E logo, como para a súa voracidade e ansia de vender favores non hai suficiente, quéixase de que o BNG deixou o Concello arruinado. Vivir para ver”.
“Non chegaba con culpar ao BNG da súa inoperancia, e de malgastar. Tamén se atreve a apropiarse de todo o que o anterior goberno deixou xa ultimado para levar adiante, grandes investimentos que van mellorar a nosa calidade de vida. Todos foron xestionados, conseguidos, comprometidos e aprobados polo anterior goberno local. E o Sr Daniel Vega véndeos como seus. Vergoñento”.