José Tomé Roca mantivo na mañá deste xoves un encontro con José Manuel Albares, quen asinou no Libro de Ouro e foi agasallado cun libro sobre a historia da sede provincial e cunha placa gravada da sede da institución provincial
Lugo, 7 de setembro de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ofreceu este xoves no Pazo de San Marcos unha recepción institucional ao Ministro en funcións de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares. Un encontro que se produce con motivo da súa asistencia á Conferencia de Alto Nivel sobre Envellecemento da Unión Europea que ten lugar hoxe e mañá en Lugo, organizada no marco da Presidencia Española do Consello da Unión Europea. Esta tarde, ambos dirixentes, xunto á Comisaria
de Democracia e Demografía da UE, Dubravka Suica, e da Alcaldesa da cidade, Lara Méndez, inaugurarán a conferencia.
Na recepción tamén participaron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o Senador por Lugo, César Mogo, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.
O mandatario provincial agradeceu a visita do Ministro a Lugo, e en particular á sede provincial, pola celebración deste importante evento a nivel europeo. “Esta conferencia sitúa á provincia de Lugo como capital do debate e da toma de decisións en torno ao reto demográfico que supón o envellecemento en amplas zonas do territorio comunitario, sobre todo no ámbito rural”, subliñou Tomé Roca. “A Presidencia de España do Consello da UE é unha oportunidade única para que España amose todo o que pode ofrecer a Europa, somos conscientes do reto que supón, pero afrontámolo con plena confianza nos valores do proxecto europeo, hoxe máis necesarios ca nunca”, afirmou.
O Presidente evidenciou que, unha vez máis, “estamos ante a demostración do enorme compromiso do Goberno de España coa provincia de Lugo, que situou de novo os intereses e as necesidades dos lucenses na axenda política do noso país, despois dos anos de esquecemento e retroceso que vivimos co anterior Executivo”. Un compromiso que se traduciu en “feitos, en medidas e investimentos concretos, como en materia de infraestruturas, pois o Goberno está realizando con 546M€ o maior investimento na historia do ferrocarril en Galicia, tamén en dereitos sociais e laborais, con reformas que benefician especialmente a provincias coma a nosa, ou celebrando esta Conferencia tan relevante no noso territorio”, destacou Tomé Roca.
Así mesmo, o Presidente amosoulle a Albares a súa gratitude pola “empatía e a proximidade coa que recibe sempre os intereses da provincia”. “Estou convencido de que continuaremos con esta relación tan cordial e produtiva entre o Goberno de España e a Deputación de Lugo en favor do avance social e económica de Lugo”, asegurou José Tomé.
Durante a visita, o Presidente da Deputación entregoulle ao Ministro un exemplar do libro Proxectos para o Hospital de Isabel II, o Instituto de 2ª Ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo, en recordo pola súa primeira visita ao edificio provincial, e unha placa de cristal coa fachada do Pazo de San Marcos gravada. O representante do Goberno de España tamén asinou no Libro de Ouro da institución.