Lamentan que o “ecoloxismo de pancarta” que defende o Goberno de Sánchez “só serve para perpetuar o desequilibrio entre a protección da especie e o mantemento do sector primario”
Compostela, 16 de setembro de 2023. O Partido Popular de Galicia valora positivamente que a Comisión Europea se mostre aberta a estudar a posibilidade de reducir a protección do lobo, xa que isto é o que a formación leva demandando desde hai tempo da man do sector primario e desde diferentes ámbitos.
Así o manifestaron os populares esta semana nunha reunión informativa sobre a situación do lobo e o xabaril que organizaron na súa sede autonómica, en Santiago de Compostela. Alí alcaldes e voceiros, así como representantes do sector primario, tiveron a oportunidade de debater sobre a situación xunto á directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e os presidentes das comisións de Medio Ambiente e de Medio Rural do PPdeG, Marisol Díaz e Avelino Souto.
O recente comunicado da Comisión Europea sobre a posible revisión do nivel de protección do lobo en Europa vai na liña da postura defendida por Galicia desde hai anos, xunto ao resto de comunidades de España con presenza desta especie no seu territorio.
Desde o PPdeG insisten en que o seu obxectivo é garantir o equilibrio entre a protección do lobo e o mantemento do sector primario. Pola contra, critican, o “ecoloxismo de pancarta” que defende o Goberno de Sánchez “só serve para perpetuar ese desequilibrio ao que agora as autoridades europeas queren por fin poñer remedio”.
“O Goberno central faría ben se, como en tantas cousas, seguira o exemplo do que se fai en Galicia”, indican os populares destacando que a Comunidade conta cun plan de xestión do lobo desde 2009 que permitiu aumentar o número de manadas. Un plan que permitiu que o lobo en Galicia non estea en regresión, como argumenta o Executivo, senón todo o contrario: nos anos 90 o lobo estaba no 80% do territorio galego e agora está nun 94%.
Ademais, os gandeiros galegos teñen á súa disposición unha cuantiosa liña de axudas fronte aos ataques do lobo por parte da Xunta “que podería ser aínda máis cuantiosa se o Goberno central non tivera retidos de xeito arbitrario os fondos que lexitimamente corresponden a Galicia por non ter subscrito a súa estratexia”.
Uns fondos que Galicia continúa e continuará reclamando fronte ao bloqueo do Executivo e que son fundamentais para a prevención e a posterior indemnización aos gandeiros polos danos ocasionados polo lobo.
“Non estamos en contra da protección do lobo, pero si estamos a favor da protección dos nosos gandeiros. Porque sabemos, como temos demostrado nestes anos, que un modelo que garanta as dúas cousas é posible”, conclúen os populares
MEDIDAS PARA O CONTROL DA POBACIÓN DO XABARIL
Na reunión informativa celebrada na sede do PPdeG tamén se abordou a problemática derivada dos danos ocasionados pola presenza de xabarís en núcleos urbanos galegos. Neste sentido, cómpre recordar que o Goberno galego vén de declarar a emerxencia temporal en 37 comarcas co fin, precisamente, de controlar a poboación desta especie. Unha medida que entra hoxe en vigor.
No que respecta á presenza de xabarís nos núcleos urbanos, os populares recordan que son os concellos os únicos responsables do mantemento das súas rúas urbanas e periurbanas. Polo tanto, teñen a obrigación de implicarse nas medidas informativas e preventivas de xestión da biomasa e control das zonas de maleza nestes ámbitos, para evitar que estes animais se acheguen a zonas poboadas. Unha labor que desde a Xunta se lles recorda periodicamente a través da Fegamp.