Lugo, 24 de setembro de 2023. O Grupo Provincial Popular ten moi en conta as queixas que lle trasladan os veciños, alcaldes e portavoces da provincia en relación ás estradas da Deputación e esixen ao bigoberno provincial a mellora da súa seguridade. No vindeiro pleno da corporación provincial reclamarán, concretamente, a reparación integral da vía LU-P-4701 e do tramo da LU-P-4710 comprendido entre a LU-P-4701 e Salcedo, no municipio da Pobra do Brollón, e aumentar o ancho, colocar quitamedos e sinais de prioridade de paso na estrada LU-P-2804 na Cazolga, en Lourenzá.
Os populares, que consideran as estradas provinciais como vías fundamentais para a comunicación dos veciños dos distintos municipios e lugares da provincia e o desenvolvemento do territorio, lembran que “manter en boas condicións as estradas de titularidade provincial é competencia propia do bigoberno da Deputación de Lugo”.
O portavoz, Antonio Ameijide, explica que as estradas LU-P-4701 e LU-P-4710 (dende a estrada anterior ata o núcleo de Salcedo) presentan unhas profundas e longas fochancas que dificultan e fan intransitable a diario a circulación de vehículos. “Debido ao seu mal estado froito da falta de mantemento, xa non é suficiente desenvolver traballos de conservación, senón que requiren unha actuación de rehabilitación integral para garantir a seguridade dos usuarios”.
A estrada provincial LU-P-2804 (Pedrón – A Cazolga), en Lourenzá, soporta unha gran cantidade de tráfico procedente do propio barrio da Cazolga, das parroquias lindeiras do municipio de Mondoñedo e dos montes da zona de onde se extrae madeira e ten rexistrado varios accidentes debido as súas deficiencias.
Ante o importante número de accidentes e as continuas queixas dos veciños que reclaman maior seguridade para esta estrada, o Grupo Provincial Popular converterase na súa voz para solicitar ao bigoberno da Deputación aumentar o ancho da vía, valorando a posibilidade de acondicionar cunetas practicables de formigón para gañar espazo á vía, instalar quitamedos en zonas coma a marxe do río para evitar risco de caída de vehículos e colocar sinais de prioridade de paso na ponte e noutra zona estreita ao pé dunha vivenda.