Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixe traballo a Tomé para potenciar os premios do Consello Provincial de Turismo “ante o fracaso da edición deste ano”

Os populares piden a Tomé que o Consello de Turismo se reúna, polo menos, unha vez cada tres meses e dar voz a todos os membros para, entre todos, mellorar o modelo de xestión, dar maior difusión a estes premios e poñer en valor estes galardóns, que teñen que servir para destacar o traballo que asociacións e iniciativas privadas realizan polo turismo na provincia

Martes, 12 de setembro de 2023. Esta mañá celebrouse na Deputación de Lugo unha nova xuntanza do Consello Provincial Turismo, reunión na que se constatou o fracaso do modelo de traballo nesta materia do bigoberno de PSOE e BNG.

Tanto o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, como a vicevoicera, Carmen José López, participaron desta xuntanza na que se aprobou a concesión dos Premios de Turismo 2023 e, neste ano, só se concederá un dos sete galardóns previstos.

Antonio Ameijide explica que “queda patente o fracaso do modelo do señor Tomé” xa que se trata duns galardóns que comezaron a entregarse en 2020, baixo a súa presidencia, “e que cada ano foron indo a menos ata o esperpento deste ano”.

A única candidatura que se presentou este ano, e que recibirá o seu galardón, é a da Festa da Filloa de Muimenta, candidatura impulsada pola asociación de empresarios deste municipio, que recibirá a distinción dentro da categoría ‘E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense’, candidatura que contou co apoio do Grupo Provincial do Partido Popular.

As outras categorías existentes, e que quedaron desertas, son ‘Lugo cambia ao turismo lucenses’ e ‘Premio Turismo Sostible’. Poderán outorgarse un máximo de sete premios nesta convocatoria, correspondendo tres a cada unha das categorías ‘Lugo Cambia ao Turismo Lucense’ e ‘E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense’, mentres que na modalidade ‘Premio Turismo Sostible’ só haberá unha distinción.

De todos modos, no caso de que non haxa concorrencia de candidaturas na modalidade de turismo sostible ou se as candidaturas non cumpren coas condicións establecidas, o Consello de Turismo poderá propoñer a súa concesión directa a algunha persoa ou entidade que cumpra os requisitos establecidos. “Estamos ante unha mostra máis do fracaso deste modelo, xa que non foron capaces de propoñer directamente a concesión do premio”, lamentou.

TOMÉ E GARCÍA PORTO, AUSENTES NO CONSELLO

Antonio Ameijide apunta a outra mostra do fracaso do modelo en materia de turismo de PSOE e BNG, xa que nin José Tomé, presidente do consello e da Deputación, nin Pilar García Porto, deputada responsable de Turismo, participaron da xuntanza desta mañá, delegando a responsabilidade no deputado Pablo Rivera. “Está claro que Tomé e García Porto non quixeron estar na foto do seu propio fracaso”, afirmou.

Antonio Ameijide lanza varias propostas a José Tomé para reactivar estes galardóns “que deben de ser unha distinción que sirva para destacar o traballo que realizan tantas asociacións e iniciativas privadas en prol do turismo na provincia e que deberían de ser motivo de orgullo no caso de recibilos en lugar de nin presentar candidaturas”.

Os deputados populares destacan que “apoiamos decididamente estes galardóns, pero cómpre dar unha volta ao modelo e aumentar a súa difusión para que sexan o que deben de ser, unha distinción para poñer en valor o traballo que se realiza dende entidades privadas para mellorar o sector turístico provincial”.

Ademais, consideran necesario realizar varias xuntanzas anuais para “entre todos poder dar o valor que reclamamos a estes premios e así fiscalizar o traballo que se realiza e realizar aportacións naqueles eidos que haxa que mellorar”. Neste senso, piden que o consellos se reúna trimestralmente e dar voz a todos os membros presentes.

Exit mobile version