Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro urxe ao Goberno local a solucionar de forma inmediata os problemas de subministro de auga potable en Galdo

Os populares indican que o Concello no pode eludir a súa responsabilidade e debe estudar compensacións económicas aos usuarios, dado que levan moitos días sen poder usar directamente a auga da traída

Viveiro, 15 de setembro de 2023. Os veciños do núcleo de Fornela, na parroquia de Galdo, non poden consumir directamente a auga da traída municipal; cuestión que para a voceira do PP, Mariña Gueimunde, se debe “á probada incapacidade” de xestión da alcaldesa para adoptar as medidas necesarias para garantir, como é a súa obriga, o subministro de auga potable.

Á vista de tan grave problema, a popular manifesta que esta é unha mostra máis da falta de rigor na xestión que leva a cabo a rexedora socialista. “O subministro de auga potable é unha obriga dos Concellos. E para elo teñen que ter as infraestruturas necesarias para asegurar a captación, potabilización e distribución nas debidas condicións. Está claro que a alcaldesa non fixo os deberes cando tocaba facelos e agora son os nosos veciños, neste caso os de Fornela, os que sofren a súa falta de traballo”, remarca.

COMPENSACIÓNS ECONÓMICAS PARA OS AFECTADOS
O voceira popular indica que todos os usuarios do abastecemento teñen que pagar “relixiosamente” as cantidades correspondentes á prestación deste servizo polo Concello. Por iso, e dado que, nas actuais circunstancias, o servizo non cumpre as condicións mínimas, reclaman ao goberno local que considere a posibilidade de aplicar medidas económicas compensatorias.

O PP, COS VECIÑOS
Gueimunde advirte que, en previsión de algo semellante puidese acontecer, o pasado día 6 o Grupo Municipal do PP preguntou ao Goberno local polo cronograma de actuacións a realizar en distintas parroquias ata final de ano, tendo en conta que no acordo programático de apoio do grupo Por Viveiro á investidura da socialista figura no punto número 7: Inversiones de 300.000 euros al año en actuaciones en las parroquias, e o BNG manifestou tamén publicamente a atención ás parroquias como unha das súas prioridade. Pero a resposta dada polo equipo de goberno foi, segundo apunta, “un escándalo”.

“Que a contestación á pregunta referida no pleno sexa que Medio Rural prepara un mapeo do Concello para optimizar e planificar o mantemento viario, parécenos un despropósito”; de aí que conclúan que “os gobernantes de Viveiro non se enteran nin se entenden entre eles. Só se poñen dacordo para sentarse no sillón, pois á hora de estar no terreo e dar solucións e respostas ás necesidades dos veciños, miran para outro lado”.

“Lamentamos profundamente o que están a vivir os veciños afectados de Fornela. É unha situación impropia do século XXI que amosa que o goberno local está a todo menos a traballar e a dar servizo aos viveirenses. Dende logo non o merecen e así o queremos trasladar publicamente”, insisten.

Exit mobile version