O Grupo Municipal Popular aínda non dispón de acceso á plataforma coa documentación do Concello ao que teñen dereito os concelleiros: “a alcaldesa continúa poñendo escusas, pero a realidade é que esta circunstancia dificulta que realicemos o noso labor de control ao goberno”
Os concelleiros inciden en que “ao non ser convocados ao pleno ordinario que tocaría celebrar este xoves, non podemos facer o labor que nos toca -propoñer iniciativas nin pedir explicacións sobre asuntos de interese para os laurentinos e laurentinas- no tempo e forma que foi formalmente establecido”. Así, “atrásase tamén o debate de asuntos de interese para os veciños e veciñas como aqueles relacionados coas demandas que nos trasladan e que queremos reivindicar na sesión plenaria”.
Polo tanto, “atrasando a celebración do pleno, a alcaldesa entorpece o normal funcionamento dos órganos do Concello, limita a acción dos grupos da oposición e, polo tanto, entorpece a vida democrática no municipio”, consideran.
O Grupo Municipal Popular lamenta que “a alcaldesa poña escusas”. Neste caso, a rexedora alega que o Concello non dispón de secretaria municipal, pero “esas circunstancias non impiden a convocatoria e celebración dun pleno” porque “se a alcaldesa o pon en coñecemento da Deputación a entidade provincial tería que facer as xestións para que o Concello de Lourenzá dispuxera dun secretario”.
SEN ACCESO Á DOCUMENTACIÓN MUNICIPAL
Así mesmo, dende o Grupo Municipal Popular trasladan as súas queixas debido á tardanza da alcaldesa en facer os trámites precisos para dar acceso aos concelleiros do Partido Popular á plataforma que lles permite o acceso á documentación do Concello á que teñen dereito como concelleiros. “A pesar de que a actual corporación local se conformou fai practicamente tres meses, alcaldesa continúa escusándose. E, mentres, está a dificultar que realicemos o labor de control ao equipo de goberno correspondente a estes tres meses de mandato”.