Javier Castiñeira pide ao BNG “que estea á altura da situación” e deixen de estar “submisos” ao equipo de goberno e comecen a esixir as explicacións que reclaman todos os veciños de Foz
Foz, 4 de setembro de 2023. No Partido Popular de Foz esixen ao goberno local que se deixen de buscar estratexias para tratar de desviar a atención co problema do abastecemento da auga no municipio, xa que “unha vez máis as respostas e desculpas do equipo de goberno nin gustan nin convencen”.
O voceiro popular Javier Castiñeira esixe ao goberno local de Foz “non desviar a atención coas análises, xa que é o mínimo que se debe realizar” pero non se pode esquecer de que “hai unhas responsabilidades que asumir e unhas respostas mínimas que dar a toda a veciñanza” que tantos inconvenientes levan sufrindo todas estas semanas”.
Os populares destacan o sentir da veciñanza de Foz, “con moitas dúbidas sobre a situación que todos vivimos e aí é onde erra unha e outra vez o equipo de goberno”. “Non teñen ningunha présa por resolver os problemas nin por axudar aos veciños a resolver esta situación e a que poidan realizar as reclamacións pertinentes como afectados que son”, indican.
Neste senso, no PP recordan a postura “cómoda e cómplice” que está a tomar o BNG neste eido. “Ao igual que no mandato anterior, os edís nacionalistas seguen submisos ao equipo de goberno, sendo totalmente incapaces de facer calquera tipo de crítica ou petición de explicacións, máxime nun asunto tan grave coma este”, denuncian.
Castiñeira denuncia que dende o goberno local “con esta mala xestión están a danar a imaxe do noso concello e en aras á transparencia e a unha correcta xestión, deberían de dar as explicacións oportunas”.
No Partido Popular teñen claro que sempre van a poñer diante de todo os intereses dos veciños de Foz, “algo que non está a realizar o goberno local, polo que consideramos necesario unha comisión de investigación e unha oficina para axudar a todos os afectados a presentar as súas reclamacións, ben sexa ante o concello ou ante a concesionaria do servizo”.
Por último, o voceiro popular en Foz recorda que “hoxe mesmo formalizamos a petición do pleno extraordinario que onte anunciabamos” para que o goberno local dea as explicacións mínimas que todos os veciños merecemos.