O Grupo Municipal Popular pide que a alcaldesa esixa ao Goberno de Sánchez a finalización das obras antes de que remate o ano
Burela, 27 de setembro de 2023. Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Burela pedirán que o Pleno se pronuncie durante a sesión deste xoves sobre os atrasos na obra do “socavón da vergoña” na N-642 á entrada da vila e tamén sobre a retirada de vehículos abandonados nas rúas de Burela.
Os populares instarán á alcaldesa a dirixirse ao Goberno central para esixir a finalización das obras antes do remate deste ano 2023 “tendo en conta o tremendo atraso que leva a execución das obras e polos prexuízos que causa aos nosos veciños e ao noso municipio”.
“A obra sen rematar á entrada de Burela reflicte unha pésima imaxe, de forma similar aos vehículos abandonados nas vías públicas, expoñen dende o PP local. De feito, “son numerosos os veciños e veciñas que se queixan da falta de exemplaridade do Concello de Burela á hora de xestionar cuestións tan básicas coma a retirada dos vehículos que levan meses e, nalgún caso anos, abandonados nas vías e aparcamentos públicos do Concello de Burela que son, única e exclusivamente de xestión municipal”.
Os concelleiros do Partido Popular advirten de que “esta situación non é nova e xa se instou no mandato anterior ao anterior goberno local a realizar as xestións pertinentes sen que nin o anterior nin o actual goberno cumpriran”.
É por iso polo que o Grupo Municipal Popular pedirá no pleno que se proceda á inmediata notificación e -posteriormente, no seu caso, a denunciar- por parte da Policía Local, de todos aqueles vehículos que están en situación de abandono por parte dos seus donos nos lugares públicos de titularidade ou xestión municipal, entendendo por tal situación cando un vehículo permaneza estacionado no mesmo lugar público, con claros signos de deterioro, por un período superior a 6 meses.
Igualmente, coa súa iniciativa propoñen que se proceda á retirada municipal de todos aqueles vehículos que, trala preceptiva denuncia e o período hábil de comprobación de 30 días, no foran retirados polos seus donos. “E que todo iso se leve a cabo antes do último pleno ordinario do presente ano en curso”.
INICIATIVA CONTRA UNHA LEI DE AMNISTÍA
O Grupo Municipal Popular de Burela tamén defenderá unha iniciativa para rexeitar calquera tipo de amnistía ou indulto xeneralizado para calquera grupo de cidadáns, calquera sexa o seu delito; considerando tamén que o imperio da lei é a expresión da vontade popular, tal e como establece o preámbulo da Constitución, e compromete a todos os poderes para o seu cumprimento.
Os populares animan a través desta iniciativa aos dous partidos maioritarios a buscar acordos de Estado que eviten que a sociedade española se vexa sometida ás condicións ilegais de partidos independentistas.