Os populares condenan a “prepotencia” da rexedora que asegurou no pleno deste xoves que “tiña catro anos para resolver, cando considerase oportuno, os problemas dos veciños”
Burela, 29 de setembro de 2023. “A rexedora socialista de Burela volveu demostrar as dificultades que ten para administrar o Concello de Burela e, especialmente, no eido administrativo”; xa que “unha vez máis levou a pleno expedientes incompletos con falta de documentación que é fundamental para tomar decisións con rigor”. Así o sinalan dende o Grupo Municipal Popular tralo pleno deste xoves no que “a alcaldesa, en resposta ás cuestións que plantexan os veciños e que trasladamos dende o noso grupo, asegurou que xa resolvería os problemas cando considerase oportuno, que tiña catro anos para facelo”.
“A tensión xenerada polas súas dificultades para levar a documentación aos plenos, provocaron que a alcaldesa tratase de ensinarlle ao Grupo Municipal Popular como ten que facer o seu traballo, algo que por sorte ou por desgraza levamos facendo durante catro anos e máis en Burela”, expoñen dende o PP.
“O intento de desvalorizar o traballo da oposición por parte do bipartito volvemos aprecialo cando a alcaldesa lle reprochou a unha concelleira popular que empregara o idioma español para expresarse no pleno e o seu socio de goberno, o BNG, tamén fixera unha interpretación sesgada do artigo que establece que os dous idiomas cooficiais se poden empregar tanto para presentar documentación no Concello como para expresarse nos plenos”. Os populares cren que “de non ser así, estaríanse tomando medidas anticonstitucionais”.
Os populares condenan o “descontrol” da alcaldesa no desenvolvemento das súas funcións como demostra o feito de “asinar documentos sen lelos”. Así o consideran ao comprobar que “ten asinado estes meses decretos para pagar facturas a algunha empresa, sen que figuren no expediente os datos da mesma. Nin nome, nin CIF nin enderezo: simplemente autoriza facer o pago”.
ACTITUDE PREPOTENTE E REXEITAMENTO ÁS PROPOSTAS DO PP
“Os propios veciños e veciñas de Burela que asistiron ao pleno de forma presencial ou telemática puideron comprobar a actitude bastante prepotente e soberbia da alcaldesa”, segundo explican os populares.
Ademais, condenan o rexeitamento do PSOE e BNG a retirar coches abandonados que “deslocen as rúas de Burela”. Igualmente, socialistas e nacionalistas votaron en contra da moción presentada polo Grupo Municipal Popular rexeitando unha posible lei de amnistía: “parece ser que a titular da alcaldía non segue os mesmos criterios que outro compañeiros de filas na Mariña que si consideran que todos os españois debemos ser iguais”.
ACORDO SOBRE A N-642
O Grupo Municipal Popular si logrou o acordo da totalidade da corporación local para que a alcaldesa inste ao Goberno central a finalizar as obras de reparación do socavón na N-642 á entrada de Burela no presente ano en curso. A iniciativa, apoiada por unanimidade, enmárcase dentro dunha ofensiva do Partido Popular nas distintas institucións para esixir avances nesta actuación tendo en cota que o Ministerio “non fixou prazo oficial para dar remate a estas obras”.