Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP afea a Tomé que se negue a dar un trato igualitario a todos os veciños da provincia ao negarse a promover iniciativas en prol do turismo e coidados aos maiores

Os deputados populares critican “a pouca altura de miras e o sectarismo” de PSOE e BNG que “en lugar de pensar no mellor para a provincia, votan en contra de todo aquelo que leva o selo do PP, sen deterse a avaliar o seu impacto positivo para Lugo e os lucenses”

Lugo, 26 de setembro de 2023. Os deputados do Grupo Provincial Popular non entenden “a pouca altura de miras” de socialistas e nacionalistas ao negarse a aprobar en poñer en marcha dúas iniciativas do PP encamiñadas a potenciar o turismo e o coidado aos maiores da provincia de Lugo.

Na primeira das iniciativas defendidas dende o Grupo Provincial Popular solicitábase á Deputación que impulse a residencia de maiores de Cervantes e se estudiara ubicala na antiga escola fogar de San Román xa que “é fundamental garantir o benestar de todas as persoas que formamos parte da sociedade pero, sobre todo, daquelas persoas que durante toda a súa vida contribuíron a garantir o benestar dos demais e que, agora, precisan de axuda para poder contar cunha boa calidade de vida, algo para o que é preciso proporcionarlles apoio social, físico e emocional”.

Antonio Ameijide non entende esta negativa do goberno provincial, sobre todo tras ver como nos últimos anos prometeron en diversas ocasións esta dotación. “En Cervantes están fartos da espiral de mentiras dos distintos gobernos de perdedores de PSOE e BNG na Deputación. Na campaña das municipais do 2015, PSOE e BNG xa prometían esta infraestrutura, e 4 anos despois, en véspera doutras eleccións, o 20 de maio de 2019, a Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes formalizaban un convenio interadministrativo de cooperación para a execución dos fins comúns consistentes na construción do CAM neste municipio, que foi modificado posteriormente por dúas addendas”, denunciou.

Segundo o acordado, o Concello de Cervantes comprometeuse a aportar 200.000 euros e poñer a disposición da Deputación de Lugo unha parcela, preferentemente en San Román, a capitalidade municipal, libre de cargas e gravames con licenzas urbanísticas e permisos sectoriais necesarios para a construción do centro residencial. O convenio está en vigor, logo da aprobación de dúas addendas, a última delas precisamente en vésperas das últimas eleccións municipais, despois de 8 anos de enganos, pero semella que os trámites por parte de Deputación e Concello de Cervantes non avanzan.

Vía turística entre Paradela e O Saviñao

Mesma sensación deixou nas filas populares o rexeitamento de PSOE e BNG a continuar coa construción da vía turística entre Paradela e O Saviñao xa que o turismo é un dos principais sectores económicos da provincia de Lugo debido ao inmenso patrimonio natural, paisaxístico, arqueolóxico, arquitectónico, histórico, cultural e social do seu territorio.

Antonio Ameijide defendeu que o equipo de goberno impulse a construción e continuación da LU-P-4206 para conectar os concellos de Paradela e O Saviñao cunha vía turística e de conexión territorial que percorra a beira do río Miño poñendo en valor a zona e, polo tanto, constituíndo un atractivo turístico máis da Ribeira Sacra.

Este proxecto xa tivo unha férrea defensa durante os mandatos de Francisco Cacharro na Deputación, motivo polo que, “comprometido co desenvolvemento e a vertebración do territorio apostou por impulsar e construír unha estrada á beira do Miño con fins turísticos e para garantir a conexión territorial entre os municipios de Paradela e O Saviñao, pasando por varios núcleos de poboación e distintos miradoiros situados na ribeira do Miño”.

Entre 2003 e 2005 desenvolvéronse diferentes actuacións enmarcadas no P.O.L (Plan Operativo Local) que permitiron a construción de 3,920 quilómetros da LU-P-4206, en Paradela —dende a LU-633 no Loio ata o lugar da Adega— treito que formaba parte da primeira fase do proxecto, que estaba previsto que chegase ata San Facundo, onde a Deputación de Lugo conta cun embarcadoiro e, posteriormente, ao Saviñao.

Pero coa chegada ao goberno provincial de PSOE e BNG en 2007 e a paralización das obras en 2008 por parte de Patrimonio (na época do bipartito na Xunta de Galicia) a 400 metros do mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño, o proxecto quedou inconcluso tendo como consecuencia limitacións para o desenvolvemento desta zona e perdendo unha oportunidade turística.

Suba das taxas no centro de recría Gayoso Castro

O presidente da Deputación José Tomé e os seus socios do BNG deron hoxe as costas a todo o sector primario da provincia ao aprobar a suba das taxas que os gandeiros lucenses pagan no centro de recría Gayoso Castro. Co seu voto a favor, tanto socialistas como nacionalistas, acordaron que os gandeiros que teñen os seus animais neste centro público, financiado con cartos de todos os lucenses, paguen 3,33€ por animal/día, unha suba do 30% xa que ata agora pagaban 2,55€ por animal/día.

Antonio Ameijide lamenta as declaracións realizadas no pleno por Francisco Cajoto, delegado da Granxa Gayoso Castro, nas que dixo que “no caso de non aprobar a suba das taxas asfixiaríase á empresa concesionaria”, algo que cualificou como “unha clara mostra de que tanto socialistas como nacionalistas defenden os intereses dunha empresa privada antes que os dos gandeiros da provincia”.

O voceiro popular denuncia que esta suba é un ataque a todo o sector gandeiro da provincia xa que converteron este centro público nunha instalación moito máis cara que calquera dos centros privados que hai na provincia, onde hai instalacións nas que os gandeiros pagan ata 50 céntimos menos – 2,80€ animal/día –. “É totalmente impensable que unha instalación pública teña un custe maior que unha privada, pero logo temos que escoitar ao señor Tomé que son firmes defensores dos servizos públicos”, denunciou.

Unha instalación na que tanto PSOE como BNG aproban subir as taxas amparándose nunha suba dos aprovisionamentos, entre eles co combustible, pero a realidade é que dende o ano 2015 está rematada a planta de biogás, unhas instalación que dende o goberno provincial anunciaron como “unha dotación que faría ao centro de recría autosuficiente enerxeticamente e, incluso, excedentario polo que se poderían xerar recursos económicos coa venda dos excedentes enerxéticos”.

Antonio Ameijide anuncia xuntanzas cos afectados para coñecer de primeira man o grao exacto de afectación ás súas explotacións e insiste en que “dende o PP estaremos sempre ao carón dos gandeiros e non descansaremos ata acadar unha rectificación por parte de José Tomé para que o centro público de recría Gayoso Castro sexa o máis económico da provincia”.

“É unha verdadeira mágoa que hoxe teñamos que lamentar que este centro público é máis caro que outros centros privados das mesmas características, cando na realidade tiñamos que estar a sacar peito por ter o centro de recría máis económico de España e presumir de que é un logro de todos os lucenses a través da Deputación de Lugo”, rematou.

Conta Xeral 2022

Por último, Antonio Ameijide fixo unha reflexión sobre os datos da Conta Xeral de 2022 que se elevou á aprobación do pleno de hoxe. “Agardamos que estes datos fagan reflexionar ao goberno provincial para acadar un mellor funcionamento da Deputación de Lugo e un mellor reparto dos recursos, tanto humanos como materiais, para acadar así o que dende o PP levamos tantos anos reclamando: dar un trato igualitario a todos os Concellos”, reflexionou.

Exit mobile version