Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén Burela remonta en Ourense un duelo moi complexo (4-5)

As burelistas firman a súa segunda vitoria da tempada nun duelo no que foron dous goles por detrás nun par de ocasións e remataron dándolle a volta co xogo de cinco

Burela, 23 de setembro, 2023. O Pescados Rubén Burela segue no alto da táboa despois de vencer (4-5) no segundo derbi da tempada. As burelistas, coas importantes ausencias das brasileiras Emilly, Jozi e Cami, tiveron que empregarse a fondo para derrotar a un combativo Ourense Ontime. A pesar de que chegaron a ir ata nun par de ocasións dous goles por baixo, remataron remontando cando Cilene se coloca a camiseta de porteira-xogadora.

O primeiro tempo foi moi igualado en Os Remedios e só a maior eficacia das ourensás de fronte ao marco contrario provocou que o encontro chegase ao intervalo co marcador desnivelado ao seu favor (2-1). As primeiras en pegar foron as locais a través de Candela, no minuto 8. A internacional ourensá aproveitaba unha boa parede con Ana Rivera para plantarse soa ante Caridad e bater cun disparo cruzado á de Sanlúcar de Barrameda.

Non tardou en responder o cadro burelista, que igualaba un minuto máis tarde por mediación de Noelia Montoro. A murciana aproveitaba un rexeite de Sara Soares tras un lanzamento de Irene Samper logo dunha cabalgada da maña pola banda dereita. Tivo o Pescados Rubén Burela un par de ocasións para poñerse por diante, pero primeiro era Sara Soares a que desbarataba un disparo de Irene Samper e logo Antía atopábase coa madeira tras un libre indirecto na frontal da área executado por Cilene.

As mariñás perdoaron e isto aproveitábano as ourensás para irse ao ecuador por diante grazas a unha boa acción entre Jenny Lores e Sara Moreno. A exburelista filtraba un gran balón ás costas da defensa laranxa que deixaba soa á cordobesa e esta batía a Caridad cunha definición de calidade.

No arranque do segundo tempo buscaron a igualada as mariñás Irene Samper e Noelia Montoro, pero ambas se atoparon coas mans de Sara Soares. De novo volvían estar máis acertadas as ourensás, que na súa primeira chegada de perigo facían o 3-1 no minuto 25. Candela estaba moi intelixente para roubar o balón nunha mala saída visitante e cedía para que Chiky marcase a porta baleira.

Repuxéronse as visitantes, que seguiron acumulando disparos sobre a portería de Sara Soares, pero sen ser capaces de bater á brasileira, ata que Julio Delgado apostou por Cilene como porteira-xogadora a nove minutos da conclusión. Nunha das primeiras accións de ataque burelense, Irene Samper cedía desde o costado dereito e Rafinha marcaba no segundo pau.

Con todo, as discípulas de Julio Delgado volverían verse moi rápido outra vez dous goles por baixo tras unha gran finalización de Iria Saeta. Recibía de Jenny Lores e case sen deixala botar remataba cun taconazo de moita calidade para bater por baixo das pernas a Caridad. Tamén respondían rápido as da Mariña, cun gol de Saki tras un bo envío de Irene Samper.

O encontro entraba no últimos cinco minutos co Pescados Rubén Burela un gol por abaixo, pero dúas novas accións no xogo de cinco dá finalmente o triunfo ás de Julio Delgado. Patricia, no minuto 35, remataba sen deixar caer o balón un bo servizo de Cilene e conseguía o empate, mentres que a 2:24 do bocinazo final era Dany a que establecía o definitivo 4-5 nunha errática saída de balón das da cidade de As Burgas. Antía recuperaba o balón, que caía a Jenny e esta vía moi ben soa no segundo pau a Dany, que marcaba a pracer. A partir de aquí, tentárono as ourensás con Iria Saeta como porteira-xogadora, pero o marcador xa non se movería máis.

Ficha Técnica Ourense Ontime 4 – 5 Pescados Rubén Burela FS

Ourense Ontime (4): Sara Soares (P); Clara, Marta Figueiredo, Jenny Lores, Sara Moreno – cinco inicial – Ana Rivera, Chiky, Raquelilla, María Arias e Uxía. Entrenadora: Raquel Mondoruza, ‘Mondo’.

Pescados Rubén Burela FS (5): Caridad (P), Noelia Montoro, Irene Samper, Jenny, Dany (C) – cinco inicial -, Patricia, Antía, Cilene, Rafinha e Saki. Entrenador. Julio Delgado.

Goles: 1-0, min. 8: Candela. 1-1, min. 9: Noelia Montoro. 2-1, min 17: Sara Moreno. 3-1, min 25: Chiky. 3-2, min. 32: Rafinha. 4-2, min. 33: Iria Saeta. 4-3, min. 34: Saki. 4-4, min. 35: Patricia. 4-5, min. 38: Dany.

Árbitros: José Manuel Carreira y Borja Moreira (Galicia). Amonestaron á local Sara Moreno e ás burelistas Caridad e Irene Samper.

Incidencias: Encontro da segunda xornada da Primeira División Iberdrola FS disputado no pavillón ourensán de Os Remedios.

Exit mobile version