Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén Burela cede dous puntos no último minuto diante dun combativo STV Roldán

As mariñás monopolizaron as ocasión na segunda metade, pero atopáronse cunha inconmensurable Cristina e acabaron pagando o seu desacerto no epílogo do choque

Burela,  30 de setembro, 202. O conxunto feminino do Pescados Rubén Burela viu cortada a súa dinámica de vitorias despois de ceder un empate diante un moi combativo STV Roldán. Nun duelo entre dous equipos que venceran os seus dous primeiros partidos ligueiros, as burelistas chegaron por diante ao tramo final, pero un tanto de Miriam a 24 segundos da conclusión establecía as táboas no marcador, que xa non poderían mover as discípulas de Julio Delgado.

O primeiro período tivo dez minutos para cada equipo. No inicio foron mellores as locais, que avisaron no minuto 2 cun disparo de Dany e adiantáronse no 6 nunha acción individual de Irene Samper. A zaragozana, autora dos dous tantos ‘laranxas’, marchaba da súa defensora e superaba a Cristina cun disparo cruzado que pegaba no pau e íase para dentro.

Jenny, cun tiro que se foi rozando a cruceta da portería murciana, tivo o segundo no ecuador do primeiro tempo. E xusto despois desa oportunidade respondían as visitantes cun balón en longo da meta Cristina que cazaba Ángela Górriz preto da esquina dereita do campo burelista e cedía para que Laura Fernández, soa no corazón da área, batese a Caridad.

O tanto do empate sentoulle mal ás de Julio Delgado, que lle cederon gran parte do protagonismo ás da Región de Murcia. Tiveron varias ocasións para poñerse por diante as futbolistas preparadas por Kilian Belmonte. Primeiro nunha boa volea de Laura Fernández á saída de córner e despois cun man a man de Carmen. En ambas as ocasións aparecía Caridad para negarlle o segundo gol ás murcianas. De novo a de Sanlúcar tería traballo no 16, nun remate de Mayte Mateo que detiña en dous tempos, pegando o balón no traveseiro entre a primeira e a segunda intervención. Antes do intervalo tivo a última a local Antía, pero o seu disparo foise rozando o traveseiro.

A segunda parte foi xa de cor ‘laranxa’. As mariñás acumularon ocasións e ocasións sobre o marco dunha Cristina moi acertada na tarde do sábado, aínda que a primeira foi para a visitante Mayte Mateo, cuxo envío despexaba Caridade coa perna e posteriormente pegaba no pau, do mesmo xeito que sucedera na primeira metade. Respondía posteriormente a gardamallas murciana ás acometidas seguidas de Jenny, Cami, Dany e Irene Samper.

Superado os cinco primeiros minutos do segundo tempo, de novo tiña que intervir Cristina diante dun lanzamento afastado de Cilene e un man a man de Antía, no que saía moi ben a achicar espazos e detiña co seu corpo. Con todo, nada podía facer xa no 30 diante Irene Samper. A internacional española roubaba un balón á altura do punto dos dez metros e, a pesar do agarrón de Miriam, era capaz de bater á porteira murciana cun lanzamento desde fóra da área.

Tras o gol baixou un pouco o acoso do Pescados Rubén Burela sobre o marco visitante, aínda que Noelia Montoro perdoaba o terceiro da conta local diante unha omnipresente Cristina. Non lograban pechar o partido as de Julio Delgado e o seu homólogo no banco rival apostaba, a catro minutos e medio do final, por Ángela Górriz como porteira-xogadora. As burelistas defendéronse moi ben e mesmo tiveron unha boa ocasión nun lanzamento de Antía desde o seu propio campo que se foi rozando o pau.

Cando o partido expiraba, nunha perda de Noelia Montoro tras recuperar previamente a posesión, caíalle o balón a Marian na esquina e filtrábao para que Mirian, soa no segundo pau, anotase o tanto do empate. Tentárono as ‘laranxas’ nos últimos 24 segundos con Cilene como porteira-xogadora, pero non puideron marcar o terceiro e o encontro finalizaba con repartición de puntos para murcianas e mariñás.

Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS – STV Roldán

Pescados Rubén Burela FS (2): Caridad (P), Cami, Jenny, Rafinha, Patricia – quinteto inicial -, Irene Samper, Dany (C), Noelia Montoro e Antía. Entrenador. Julio Delgado.

STV Roldán (2): Cristina; Mayte Mateo (C), Mariángeles, Consuelo, Marian – quinteto inicial – Toñi, Laura Fernández, Ángel Górriz, Carmen y Miriam. Entrenador: Kilian Belmonte.

Goles: 1-0, min. 6: Irene Samper. 1-1, min. 10: Laura Fernández. 2-1, min 30: Irene Samper. 2-2, min 40: Miriam.

Árbitros: Adrián Figueroa e Marcos Noya (Galicia). Amonestaron ás visitantes Ángela Górriz e Laura Fernández.

Incidencias: Encontro da terceira xornada da Primeira División Iberdrola FS disputado no pavillón de Vista Alegre ante uns 650 espectadores.

Exit mobile version