Ribadeo, 16 de setembro de 2023. O Mercado dos Domingos dedícase mañá, 17 de setembro, ao produto local. A concelleira de Comercio, Marta Saiz, anima a asistir e a gozar das actividades complementaras que se desenvolverán durante toda a mañá.
A edil sinalou que “a contorna da Praza de Abastos da localidade reúne ata mediados de outubro a produtores locais que ofrecen as súas colleitas, acabadas de apañar, directamente aos consumidores nunha cita que cumpre xa 22 anos. Os domingos, en Ribadeo, sempre foron días de compras, coa maioría de tendas e negocios do comercio local abertos. Pero os domingos do verán pódese comprar ademais alimentos de proximidade e saudables”.
Saiz indicou que “coa chegada do verán e da maior abundancia das producións de horta, arrincou o Mercados dos Domingos, que se celebran na contorna da Praza de Abastos ribadense ata mediados do próximo mes de outubro, concretamente ata o domingo 15. A cita está organizada polo Concello en colaboración coa asociación A Sucadoira de produtores e produtoras locais de horta”.
A concelleira de Comercio lembrou que “conta con trece postos cunha oferta ben diversificada: todos procedentes da zona onde reinan os produtos da horta, aínda que tamén se pode atopar pan, queixo, embutidos, zumes, ostras, doces ou cervexas artesás. Un produto de proximidade, todo cultivado pola mesma persoa que vai da horta ao mercado directamente. Con el poñemos en valor esa economía máis próxima, potenciando o consumo de tempada e os produtos de calidade e quilómetro cero, coidando o medio e con garantías de calidade e frescura”.
Actividades complementarias
Marta Saiz subliñou que “o Mercado dos Domingos virá acompañado dunha intensa axenda coa celebración de varias actividades. Comezaremos mañá, 17 setembro, co Día do Produto Local, unha xornada para poñer no centro os alimentos de proximidade, reducir a pegada ecolóxica e fortalecer a economía local. Contaremos con música en directo e cunha serie de actividades para poñer a proba o noso coñecemento sobre o alimento cultivado no noso territorio. Ao rematar esta actividade, farase un sorteo dunha cesta de produtos locais. O 24 de setembro os protagonistas serán os máis pequeniños da casa, o 1 de outubro continuaremos coa Festa da Horta; o 8 de outubro, teremos a Xornada de Exaltación de Pemento de Piñeira de semente certificada, e xa para rematar e como novidade, o 15 de outubro celebraremos o Día da labrega”.
A concelleira de Comercio engadiu que “coa recuperación deste mercado Ribadeo continúa unha tradición comercial de máis de medio século, a de comprar en domingo. Desde o ano 1962 os comercios da vila abren ese día para facilitar as compras tanto á poboación local como aos clientes do resto da comarca. No verán súmanse tamén os numerosos turistas que visitan a localidade e que multiplican a poboación habitual”.
Desde a Concellería de Turismo “animamos a que se acheguen ao Mercado dos Domingos a gozar de toda a oferta de produtos e das actividades complementarias que se desenvolverán ao longo das vindeiras fins de semana”.