Site icon Crónica3.com A Mariña

O mar como fonte de saúde e de vida e como xerador de recursos será o protagonista do SetembroXNatural do Concello de Ribadeo

Ribadeo, 5 de setembro de 2023. O mar como fonte de saúde e de vida e como xerador de recursos será o protagonista do SetembroXNatural do Concello de Ribadeo.

A concelleira de Turismo, Marta Saiz, declarou que “un ano máis, Ribadeo contará cunha nova edición de SetembroXNatural, un programa de actividades relacionadas coa nosa natureza. Preténdese así darlle ao verán un peche de ouro, ofrecendo actividades formativas e de ocio atractivas para a veciñanza e visitantes. As actividades, que terán lugar ao longo de todo o mes, van dirixidas a un público familiar, e inclúen dende concertos a visitas guiadas, pasando por danza e circo, conferencias, degustacións, etc. Todos estes eventos, cos que esperamos sorprender ao público asistente, serán anunciados nos próximos días”.

Saiz relatou que “entre eles, queremos render nesta edición unha homenaxe ás nosas orixes, dedicando tres xornadas a recordar e divulgar algo que marcou os pasos do que hoxe é Ribadeo, unha vila comercial e turística que soubo sacar proveito dos seus recursos naturais. Así, dentro do SetembroXNatural deste ano destacamos as actividades incluídas dentro de Baños de Mar e Froitos do Mar, que xiran arredor dalgún dos aproveitamentos máis importantes das augas mariñas que se fixeron no noso municipio. O mar como fonte de saúde e de vida, como xerador de recursos, como fío da nosa historia e como orixe da nosa riqueza. O mar como protagonista e nós como actores responsables”.
A edil ribadense explicou que “Baños de Mar recordará a figura das canouras, esas mulleres pioneiras do noso turismo, a través de conferencias e visitas guiadas sobre o poder curativo das augas e o uso que delas se facía na nosa vila. Complementarán estas xornadas diversos actos lúdicos e musicais e, como non, baños de mar colectivos. Pola súa parte, Froitos do Mar levaranos a Rinlo, onde se ofrecerá unha visita guiada polo seu litoral dende a confraría ata as cetarias na que se destacará o mérito do pobo de Rinlo, que dende as súas orixes como porto baleeiro e ata a actualidade, punto de referencia gastronómico polo seu percebe e a calidade dos seus restaurantes, sempre soubo aproveitar as bondades da súa costa”.

A concelleira de Turismo anima a participar nestas actividades: “desfrutemos do noso setembro, do noso mar, da nosa terra e das actividades que, con moito respecto, coidado e agarimo, temos preparadas para o voso desfrute”.

Exit mobile version