Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro informa do comezo das obras para renovar con tecnoloxía led o alumeado público en Atalaia, Celeiro

Viveiro, 22 de setembro. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, informa do comezo das obras para renovar o alumeado público en Atalaia, Celeiro.

As novas luminarias serán de tecnoloxía LED e a actuación contempla a renovación das farolas e das caixas de mando. O investimento será duns 100.000 euros, financiado integramente polo Fondo de Compensación Ambiental 2023.

“Coa nova rede, a zona terá unha mellor visibilidade e eficiencia enerxética, reducindo ademais a contaminación lumínica”, asegura a alcaldesa de Viveiro.

Miriam Bermúdez, tenente de alcaldesa e responsable de Obras, destaca pola súa parte que “esta actuación na rede de alumeado público servirá para mellorar a seguridade viaria dos vehículos e o tránsito de persoas”.

A renovación da rede en Atalaia inclúe o acceso desde Casanova; a rúa Illa Coelleira; a rúa Illa Sar e o parque público; a ría Illa Anchonoa; a rúa Illa Gaveira; e a praza da Atalaia.

“Impulsaremos durante todo o mandato municipal un plan de mellora continua dos servizos e infraestruturas públicas, tanto no casco urbano como nas parroquias”, engade Loureiro.

Exit mobile version