Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro homenaxea a Carlos Oroza este domingo

Ao longo do 10 de setembro haberá varios actos para conmemorar a vida do poeta viveirense, organizados polo Concello, o Seminario de Estudos Terra de Viveiro e a asociación Évame Oroza

Viveiro, 6 de setembro de 2023. O Concello de Viveiro acolle unha homenaxe ao recoñecido poeta viveirense Carlos Oroza, falecido en 2015. Esta terá lugar este domingo día 10 de setembro.

A homenaxe constará de dous actos principais, organizados polo Concello de Viveiro, o Seminario de Estudos Terra de Viveiro e a asociación Évame Oroza. Por unha banda, a presentación do libro recompilatorio ‘Évame’, na sala multiusos do Concello ás 12:30 horas.

Por outra banda ás 19:00 horas na praciña Carlos Oroza, na avenida de Lourdes, terá lugar a inauguración dunha placa conmemorativa do ceramista Otero Regal. Esta estará acompañada por un recital poético, unha actuación musical e outras actividades en lembranza do escritor.

Esta homenaxe chega despois de que en agosto Viveiro acollese unha exposición nos xardíns Noriega Varela con motivo do centenario do seu nacemento en 1923.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, sinala que Carlos Oroza “é un dos veciños máis ilustres da nosa vila, polo que resulta imprescindible continuar a reivindicar o seu gran legado poético”.

Exit mobile version