Os traballos continúan agora polas parroquias de Rúa e Castelo, e os lugares de Trasbar e A Senra, que poderán acceder á internet máis veloz nos vindeiros meses
A administración local e esta operadora subscribiron un convenio de colaboración no que se marcan ese obxectivo, “que culminará a comezos de ano”, tal e como explicou a rexedora, Dolores García Caramés, “cando o conxunto da veciñanza do noso municipio, tanto da zona rural como urbana, poderá ter acceso a este servizo, e unha conexión a internet adecuada aos tempos que suporá un importante salto cualitativo na capacidade e na velocidade de acceso a Internet dos fogares cervenses, como servizo clave para o desenvolvemento social e empresarial da zona nun intre no que a conexión a internet é, ademais, algo esencial”.
A rexedora e o edil de Innovación, Emprendemento e Zona Rural, Adrián Arias, mantiveron un novo encontro coa responsable de zona da operadora, Mónica Expósito, para avaliar e analizar como está a avanzar o despregue da fibra, que comezara polos núcleos de Cervo e San Cibrao, e que xa vén de dar servizo ás parroquias de Sargadelos e San Román; e que continuará agora por outras zonas “escuras” como Trasbar, Rúa, Castelo ou A Senra “para garantir o 100% da cobertura a comezos de ano”, porque o obxectivo é que a banda longa chegue a toda a veciñanza, con especial atención á zona rural.