Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela reforza os seus lazos de colaboración co sector pesqueiro de Cabo Verde

Ramiro Fernández, concelleiro de Mar, estivo na República de Cabo Verde na décima edición de Expomar, feira homónima da que se celebra en Burela

Burela/Cabo Verde, 25 de setembro de 2023. O Concello de Burela da novos pasos para estreitar os seus lazos de colaboración co sector pesqueiro de Cabo Verde, un país moi vinculado ao concello.

O concelleiro de Mar e Turismo e secretario da Fundación Expomar, Ramiro Fernández, e o Xerente de Expomar, José Manuel González, desprazáronse ata Cabo Verde, concretamente á localidade de Mindelo, convidados pola organización dirixida por Angelica Fortes á décima edición da Feira Expomar, homónima da que se celebra en Burela.

Durante esta visita, Ramiro Fernández tivo a posibilidade de conversar co presidente da República de Cabo Verde, José María Neves, que xa visitou Burela, e o concelleiro aproveitou a ocasión para convidar de novo ao presidente a visitar á comunidade caboverdiana de Burela.

“José María Neves sabe da importancia da comunidade caboverdiana de Burela e mostrou moito interese en voltar a visitalos, polo que esperamos que se poida facer realidade na maior brevidade posible”, explica Fernández.

O concelleiro de Mar mantivo tamén un encontro co presidente da Cámara de Sao Vicente, Augusto Neves, co que mantivo unha xuntanza na que trataron moitos asuntos e no que se puxo enriba da mesa a posibilidade de facer efectivo un irmandamento entre Burela e Sao Vicente.

Neves invitou a Ramiro Fernández a asistir en xaneiro á celebración do Día de Sao Vicente, un día moi importante para os habitantes desta vila, e mostrou tamén a súa disposición a desprazarse a Burela nos próximos meses para manter unha xuntanza coa comunidade caboverdiana do concello.

Fernández asistiu a unha cea organizada por Enapor (entidade que xestiona os portos de Cabo Verde), xunto con autoridades de Cabo Verde e empresarios españois con intereses económicos na illa, que resultou moi interesante e onde se fixo unha idea real da importancia económica que ten a illa para os empresarios españois, “e particularmente para as empresas de Burela que están a traballar en Sao Vicente, particularmente os barcos espadeiros que fan as súas descargas en Mindelo”.

O concelleiro de Mar de Burela quere agradecer ao secretario xeral de Pesca da Xunta, Antonio Basanta, tamén desplazado a Sao Vicente, “a atención que tivo conmigo e consecuentemente co Concello de Burela, convidándome á cea oficial, que foi moi cordial e positiva para os obxectivos que se buscaban con este viaxe”.

“En definitiva, unha visita moi positiva para afianzar e consolidar a relación entre Cabo Verde e Burela. Esperamos que nos próximos meses poidamos seguir avanzando nesta relación e concretemos novas liñas de colaboración e de afianzamento dunha relación próxima e sólida”, remata Ramiro Fernández.

Exit mobile version