A alcaldesa Carmela López sinala que a iniciativa pretende “poñer en valor os nosos camiños de terra, para que sexan camiños de verdade e poidan ser usados a diario por ciclistas, sendeiristas ou veciños”
Burela, 28 de setembro de 2023. O Concello de Burela e a Brigada Municipal Antiincendios están a planificar e executar a limpeza dos camiños e das pistas de terra públicas. Esta iniciativa pretende que estas vías estean dispoñibles para o uso da veciñanza, ademais de previr incendios.
A brigada comezou traballar o 8 de agosto, e xa limpou os camiños da Pedra Branca, das Pasadiñas, das Areosas, das Carballas, de Lodeiro, Berdeón de Arriba, Berdeón do Avó, Bouza do Cura, Pena Meas, Pardiñas, Souto da Vila, Río da Vila, Fonte de Xanrrei, Campo de Antón e Pena Dagia.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, sinala que con estas actuacións preténdese “poñer en valor os nosos camiños de terra, para que sexan camiños de verdade e poidan ser usados a diario por ciclistas, sendeiristas ou veciños”. Terán lugar ao longo dunha superficie total de 7,15 hectáreas.
“O primeiro é limpar os camiños, pero despois hailles que dar uso para que non se volvan encher de maleza, esta é a maneira de evitar que as silvas os volvan pechar”, apunta López. Así, o Concello é o encargado de planificar as actuacións e a brigada de executalas, mentres que se fai un chamado á veciñanza para colaborar no seu mantemento. A limpeza destas pistas servirá tamén para facilitar o acceso ás fincas.
Carmela López avanzou, por último, que “no próximo prego de limpeza no que traballamos estamos abordando a posibilidade de incorporar unha brigada de desbroce para toda a vila”.