O concello solicita a colaboración veciñal cunha enquisa online que permanecerá aberta os meses de setembro e outubro
Ademais, trátase dun documento imprescindible para a obtención de fondos europeos de mobilidade que melloren os desprazamentos internos nos núcleos de poboación e entre concellos próximos.
“O PMUS é unha ferramenta estratéxica para planificar e para tomar decisións sobre a mobilidade no concello, atopando, entre todas e todos, maneiras de movernos a diario dunha forma máis sustentable e eficiente, tanto os vehículos como as persoas, con hábitos respectuosos co medio ambiente e que nos axuden a aforrar recursos”, explica a alcaldesa de Burela, Carmela López.
Ademais, o PMUS tratará de facer a vila máis accesible para todas as persoas reducindo barreiras arquitectónicas, mellorando a relación entre peóns e vehículos e facilitando o acceso aos transportes públicos.
Para conseguir os obxectivos do PMUS, un equipo técnico realiza desde o mes pasado estudos para analizar os desprazamentos a pé, en bicicleta, en vehículo privado ou no transporte público; e o modo en que os veciños utilizan os espazos públicos (as rúas, as prazas, as zonas verdes, etc).
Analizaranse tamén a ocupación dos aparcadoiros, os problemas de seguridade viaria e a configuración das rúas, para detectar as carencias na accesibilidade ou os problemas que conducen á degradación ambiental.
Enquisa veciñal
Ademais das análises técnicas, o Concello de Burela solicita a colaboración da veciñanza para que aporte información e opinións que son vitais á hora de elaborar o PMUS. Pódese contribuír cubrindo a enquisa online en:
cognitoforms.com/PlanificacionTEC/MOBILIDADEBURELA
A enquisa permanecerá aberta durante os meses de setembro e outubro. Posteriormente terán lugar, ademais, distintos actos de participación e obradoiros nos que se recollerá a opinión da veciñanza, e que serán anunciados nos medios de comunicación e a través das redes sociais do concello.