Aproveitando a Semana da Mobilidade, o Concello realizou numerosas entrevistas á poboación, para recoller impresións sobre a mobilidade no municipio de cara á redacción do PMUS
Burela, 21 de setembro de 2023. Aproveitando a celebración da Semana da Mobilidade, o Concello de Burela realizou numerosas entrevistas á poboación, para recoller impresións e datos cualitativos sobre a mobilidade no municipio de cara á redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS).
As entrevistas incluíron a persoas representantes de distintos colectivos, como asociacións veciñais, deportivas, de comerciantes, do colectivo do transporte ou de taxistas. Estas serviron para comezar un diálogo sobre como mellorar, entre todas e todos, as condicións da mobilidade en Burela.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destaca “o compromiso do Concello coa participación cidadá na creación do Plan, para así seguir construíndo unha Burela accesible para todos e todas”.
Nestas entrevistas preguntouse polos hábitos que temos á hora de movernos por Burela, os problemas de accesibilidade, de seguridade, ou de incomodidade nos percorridos a pé ou e vehículo. Recolléronse tamén as porpostas da veciñanza.
As entrevistas concertadas ata o momento compleméntanse ca xornada de portas abertas á poboación, hoxe entre as 16.30 a as 18.30, no que todas as persoas teñen a oportunidade de comentar as súas inquedanzas en torno á mobilidade local co Concello.
O obxectivo destas iniciativas, explica a alcaldesa, é “mellorar o coñecemento da realidade local por parte do equipo redactor do PMUS, e acadar diagnoses e propostas consensuadas coa poboación, de xeito que as transformacións dos próximos anos sexan útiles para toda a veciñanza”.
Ademais da información recollida nas entrevistas e na xornada de portas abertas, o Concello está realizando dende hai tres semanas varias enquisas, para recoller datos cuantitativos sobre a mobilidade no municipio.
O proceso participativo do PMUS continuará tamén coa convocatoria, nos vindeiros meses, de obradoiros de traballo abertos á veciñanza para avanzar no diálogo sobre a mobilidade.