Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama á Xunta do PP máis dilixencia para resolver o conflito “con consecuencias reais” nos parques de bombeiros

A deputada Iria Carreira denuncia que o persoal fai centos de horas extra, percibe retribucións un 30 % por debaixo de traballadores análogos de outras administracións e carece, en moitos casos, dos medios necesarios

Santiago de Compostela, 21 de setembro, 2023. A deputada do BNG Iria Carreira reclamou hoxe á Xunta do PP “máis dilixencia e máis implicación” na negociación co persoal dos parques comarcais de incendios, que levan en folga dende o pasado 16 de xuño para reclamar mellores condicións laborais a través dun proceso de negociación colectiva. Unha protesta que, lembrou, consiste en non facer horas extraordinarias de maneira voluntaria e que está a ter “consecuencias reais”, en alusión aos peches de parques que houbo este verán e ao “risco que isto supón para a poboación”.

No transcurso dunha pregunta parlamentaria ao director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, a deputada nacionalista subliñou as “condicións de precariedade” dos traballadores que foron subrogados logo de que os parques dos consorcios provinciais de incendios, antes externalizados polo PP en empresas privadas, pasasen a ser de xestión pública.

Denunciou, neste sentido, que os traballadores dos parques comarcais fan de media máis de 2.200 horas ao ano, “moito por riba” das 1.682 dun funcionario público ou das 1.800 que lle corresponden, “polo que a ausencia de realización de horas extra e a escaseza de persoal está a provocar que diariamente estean pechados distintos parques por falla de efectivos”, agregou. Pasou este verán, subliñou, cos parques de Viveiro, O Carballiño, Santa Comba, Vilagarcía, Arzúa ou Ordes, entre outros.

“Estamos a falar dun persoal que non só fai centos de horas extraordinarias, senón que percibe unhas retribucións inferiores nun 30 % aos dos traballadores análogos doutras administracións públicas, precariedade á que hai que engadir a carencia, en moitos casos de medios materiais que dificulta ás intervencións”, criticou Iria Carreira, quen censurou tamén se estean derivando aos parques comarcais traballos que corresponden a Seaga, como ocorre coa retirada de niños de velutina.

Iria Carreira aproveitou a súa iniciativa na Comisión 1ª do Parlamento para volver a reclamar a integración como persoal laboral fixo dos Consorcios Provinciais contra Incendios e Salvamento de todo o persoal no que concorran as condicións establecidas na sentenza do Tribunal Supremo que lles recoñece a condición de indefinidos aos subrogados que na empresa privada tiveran esta condición “sempre que esta non se adquirise por contratación en fraude de lei”.

Lamentou, ao respecto, que só a Xunta se negase a regularizar as relacións laborais destes profesionais, aos que si lle recoñeceron o seu dereito a ser persoal fixo os presidentes dos consorcios provinciais, entes integrados pola Administración autonómica e as deputacións.

Carreira lembrou que o BNG xa levou ao Parlamento unha iniciativa o pasado 29 de xuño na que tamén se reclamaba a elaboración e aprobación, previa negociación conxunta coas deputacións e a representación dos e das traballadoras, dun convenio colectivo para todos os consorcios provincias de Galiza. “A pesar de toda a situación xurídica, sindical e de persoal, e incluso co risco que ten para a poboación, o PP votou en contra”, lamentou a deputada, que de novo esixiu á Xunta “responsabilidade” para buscar solucións ao conflito.

Exit mobile version