Ribadeo, 5 de setembro, 2023. Co gallo das patronias, o BNG vén de emitir un comunicado: “Remata o verán e despedimos o tempo de lecer coas nosas festas patronais. Foron dous meses de cambios que asumimos con orgullo e facendo unha piña que estará aí sempre a disposición do pobo de Ribadeo. Toca agora celebrar as festas patronais e acoller a todas as persoas que nos visiten (tanto a nivel familiar como para acudir aos diferentes actos que se organicen ao longo destes días). Celebremos con orgullo as nosas festas e mostremos toda a nosa capacidade creativa a quen nos visiten. Todo acto público (como xa o foron os Indianos, o Mercado dos Domingos, as diferentes competicións deportivas e actos culturais) é unha ocasión para dar a coñecer todos os nosos produtos (materiais e inmateriais). Mostrémolos abertamente; non os ocultemos”.
“Temos por costume empregar a nosa lingua para dar a coñecer a nosa actividade, sen menoscabo de sermos hospitalarios e sabermos comunicarnos con outras xentes nas súas linguas cando a situación o require. Pero nunca renunciamos de antemán ao galego deixándonos apreixar por prexuízos de xente apoucada. É que acaso o señor Daniel Vega ten medo de que as xentes da Veiga, da Pontenova ou de Meira ou Trabada non entendan unha luminaria na que se lles desexe “boas festas”? Acaso o señor Vega xa esqueceu as ensinanzas da Escola Poética Mindoniense? De pouco serve apelar ao galeguismo na toma de posesión e despois abandonar á primeira ocasión o uso do galego porque “igual no nos entienden”. É que acaso considera que o señor Calvo Sotelo non é un ribadense digno de ser lembrado e honrado na nosa lingua?”.
“Señor Daniel Vega: está a recibir presións de elementos de Vox que o obriguen a rexeitar o uso do galego e ir contra a ordenanza municipal, en vigor, a respecto do uso da lingua galega como lingua vehicular? Están a pedirlle desde O Hórreo, ou desde Génova, que renuncie ás súas orixes para que o señor Abascal poida votar con mellor agrado por Núñez Feijóo?”.
“E con todo, queremos desexarlles tamén a vostede, señor Daniel Vega, e ao seu equipo de goberno, unhas “boas festas”, así, na nosa lingua, para que non a esqueza. Pero, permítannos lembrarlles que, cando unha tapa de inspección da rede de sumidoiros, ou de calquera outro tipo, queda totalmente descuberta, por favor, poñan un sinal indicativo de perigo, advirtan de que hai un furado no chan que pode ser perigoso. Durante unha semana, pola zona do Xardín (na Avda. Virxe do Camiño, á dereita mirando cara ao Instituto), houbo un sumidoiro totalmente ao descuberto sen ningún tipo de advertencia de perigo. Alégranos poder celebrar as festas sen ter que lamentar ningún accidente por ese desleixo. Calquera persoa adulta podería mancarse seriamente se caese nel. E se fose unha crianza ou unha persoa maior, o desgusto habería ser máis grande”.