Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG alerta do incremento da avespa velutina e reclama medidas de control, retirada dos niños e clarificar o servizo responsable para atender as demandas

Carme Aira insistiu na gravidade do aumento da especie con 11.000 notificacións no mes de xullo e 14.000 en agosto e un gran número de ataques ás persoas e niños pendurados sen retirar

Santiago de Compostela, 27 de setembro, 2023. A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a portavoz de Desenvolvemento Rural do BNG, Carme Aira reclamou medidas urxentes contra as consecuencias da avespa velutina, unha especie invasora que incrementou de “maneira alarmante” a súa poboación nos últimos tempos e que está a crear graves problemas para a saúde das persoas e doutras especies.

A nacionalista lembrou que este verán producíronse no mes de xullo, 11.000 notificacións e 14.000 no mes de agosto cun gran número de ataques ás persoas.
Na súa opinión, a consellería debe liderar “unha loita integral” contra esta especie e determinar que servicio ten responsabilidade para atender as demandas xa que na actualidade é necesario revisar ou modificar a coordinación entre os distintos actores, protocolos para a retirada de niños e clarificar o servizo responsable desta función así como facilitar todas os medios necesarios porque “ non pode ser que SEAGA resolva un aviso, dicindo que o aviso foi pechado por ser inaccesible ou inalcanzable cos medios dispoñibles e rematando a incidencia cun grazas pola súa colaboración”.

Este verán, reiterou a deputada, foron 11.000 notificacións en xullo e 14.000 en agosto que “non se resolveron no tempo adecuado”.

Aira explicou que hai 10 anos que a vespa Velutina chegou a Galiza e comezou a depredar ás abellas autóctonas, poñendo en risco a polinización para posteriormente pasar a atacar ás persoas e “a Xunta puxo en funcionamento mecanismos que ata o de agora non deron resultados”.

Este verán a situación agravouse, e a Xunta chegou a ter “miles de niños sen retirar”, que afectaron a centos de familias nas zonas urbanas e no rural tivemos que lamentar a morte dun apicultor no concello de Melón en Ourense, e outra persoa hospitaliza en Compostela atacada pola velutina.

Por outra banda, o cambio climático favorece a adaptación de especies invasoras como a nova avespa Mandarina, “moito máis letal”.

Dá a impresión, dixo a deputada, que a avespa velutina pode ser unha oportunidade contra futuras invasións pero o Goberno da Xunta despois de que esta avespa aparecera no 2013 no país, “segue sen combatela”. A velutina prexudica a fauna autóctona, polinizadora e beneficiosa para as colleitas ao que sumou os graves problemas que causa á poboación.

Tras a resposta do vicepresidente1º, Diego Calvo que considerou efectiva a campaña da Xunta contra a velutina, a nacionalista replicou que o Goberno galego permanece “insensible” aos danos e á alarma social polo incremento masivo da especie e lamentou que Calvo Pouso non avanzara medidas, a pesar de que hai máis de un mes que existe un niño pendurado nun edificio residencial de Fingoi en Lugo, outro no Círculo das Artes, próximo ao colexio, en Vilar de Barrio e 14 niños notificados e sen retirar, no Camiño de Santiago.

A nacionalista insistiu que resulta urxente aplicar medidas contra esta especie invasora comezando pola coordinación entre os distintos actores, protocolos de retirada e medios para efectivizala.

Exit mobile version