Site icon Crónica3.com A Mariña

Localizan o corpo dun home nas proximidades da praia de Alegrín, no Vicedo

O Vicedo, 7 Setembro, 2023 Nestes intres, as forzas da orde investigan se se trata do home desaparecido a noite de onte na praia de Alegrín, na parroquia de Suegos.

Esta madrugada, cinco minutos despois das 1:30 horas, o 112 Galicia tivo constancia da desaparición dun home a través da chamada dun familiar, que indicaba que este non retornara ao seu domicilio.

Decontado, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento das forzas da orde, que se encargaron de coordinar un amplo operativo no que participan Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, que mobilizou o helicóptero de rescate Pesca II, os Bombeiros de Viveiro, o GES de Cervo e Protección Civil de Vicedo.

Pasado este mediodía, os membros do GES de Cervo confirmaban ao 112 Galicia que localizaran un corpo no mar, precisamente na zona onde desaparecera un home na noite de onte.

Aparece con vida o octoxenario desaparecido o día 5 en Pol

O home, de cuxa desaparición informou un familiar ao 112 Galicia pouco antes das 23 horas do martes, foi localizado por uns familiares nunha zona de monte.

Os membros de Protección Civil de Pol solicitaron a colaboración dos servizos sanitarios para a valoración do implicado, que se atopaba desorientado.

Neste operativo, coordinado polos axentes da Garda Civil, participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Pol, Meira, A Pontenova, Riotorto, Lugo, Ribeira de Piquín e Baleira.

Convén sinalar, que o Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) tamén colaborou nas tarefas de busca ca Unidade Operativa de Drons.

Continúa a busca do octoxenario desaparecido en Abadín

En Abadín continúa activo o dispositivo de busca do octoxenario desaparecido o pasado día 3, coordinado polas forzas da orde.

Foi a chamada dun familiar a que alertaba ao 112 Galicia da falta do home, o cal non retornara ao domicilio.

No operativo participan Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, a Asociación de Cans de Salvamento de Galicia, e os membros de Protección Civil de Mondoñedo e Vilalba. Tamén tomou parte a Unidade Operativa de Drons do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA.

Exit mobile version