O Bono divídese en 200€ para artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais; 100€ para produtos culturais en soporte físico; 100€ para consumo dixital ou en liña
Isabel Rodríguez, acompañada do concelleiro de Mocidade e Deportes, Jorge Bustos; o xerente do Centro Comercial As Termas, Esteban Patiño, e un dos encargados de Game, tenda especializada en videoxogos, David Rego, comprobou de primeira man como marcha a iniciativa, na que están a participar en Lugo “cerca do 50% da mocidade lucense” e aínda están a tempo de ser máis, xa que o prazo remata o 30 deste mes, tanto para solicitalo como para gastar a axuda do ano pasado, que foi dedicada aos nados no 2004.
“Esta axuda permite aos beneficiarios o consumo de contidos distribuídos en múltiples formatos para explorar unha oferta cultural rica e variada”, subliñou a subdelegada. Durante a visita, a representante do Goberno na provincia remarcou que “dedicar recursos á cultura é unha das ferramentas máis poderosas que temos ao noso alcance para inculcar nas persoas pensamentos e miradas críticas e diversas”.
En Lugo, hai 29 establecementos entre eles librarías, salas de cine, tendas de produtos dixitais e en liña ou locais especializados en videoxogos, películas, entre outros. As entidades que queiran adherirse aínda están a tempo, o 30 de setembro remata o prazo para inscribirse e pódese facer na seguinte ligazón:
https://entidades-adheridas.bonoculturajoven.gob.es/.
Os interesados necesitan identificarse dixitalmente a través de Cl@ve ou o Certificado dixital. Poden realizar o trámite persoalmente ou a través da representación dun adulto, para o que é preciso achegar o formulario de representación descargable na páxina web, correctamente asinado polo beneficiario e representante. Unha vez concedida a axuda, o importe total abónase nun único pago, en formato de tarxeta prepago virtual nominal que está vixente durante os doce meses seguintes á concesión. A tarxeta é persoal e intransferible.
Tres categorías para gastar
O Bono Cultura Xove divídese en tres apartados:
– 200 euros para artes en vivo, patrimonio cultural e artes audiovisuais.
– 100 euros para produtos culturais en soporte físico, como libros, revistas, prensa, ou outras publicacións periódicas.
– 100 euros para consumo dixital ou en liña na que entran subscricións e alugueiros a plataformas virtuais.