Ribadeo, 17 de setembro, 2023. Este sábado 16 de setembro foi inaugurada a exposición “Xusto Moreda e a súa sintética realidade. exposición homenaxe a un espírito rebelde” na Sala de exposicións do Parque de San Francisco. En dita sala atopáronse vellos amigos e amigas do pintor ribadense así como moitos veciños que quixeron lembrar os lenzos de Xusto Moreda.
Posteriormente, no Teatro de Ribadeo, desenvolveuse un recital poético no que estiveron presentes Ánxeles Penas, Marcia Campo, Miguel Anxo Mato Fodo, Xavier Rodríguez Baixeras e Toni deaño. María Luisa Mon Bellón leu unhas palabras de Xavier Seoane enviadas expresamente para o acto homenaxe a Xusto Moreda, e tamén se escoitaron os versos de Eva Veiga (que enviou unha gravación cun poema dedicado ao pintor ribadense) e as palabras de Manuel Lourenzo, con quen mantivemos unha conversa ben entrañábel sobre o seu curmán, Xusto, da que reproducimos algunhas pasaxes. Así mesmo, transmitimos o apoio ao acto homenaxe a Xusto Moreda de Xulio Valcárcel (que dedicou este domingo 17 a súa columna da sección de cultura de El Ideal Gallego, Diario de Bergantiños e Diario de Arousa), de Xesús Pisón e Miguel Anxo Fernán Bello.
Todas estas persoas do eido da poesía, da dramaturxia, da crítica, e das artes plásticas coñecían tanto a Xusto Moreda, con quen gozaron de innumerábeis momentos de lecer e actividade creadora, como a súa obra, á que dedicaron no seu momento algúns dos seus poemas ou artigos especializados.
Desde a A.C. Francisco Lanza queremos agradecer todo o apoio recibido para organizarmos esta exposición. A disposición das persoas convidadas sempre foi total e desinteresada. Queremos destacar o importante papel xogado pola Deputación Provincial de Lugo, desde Vicepresidencia (Área de Cultura), e tamén, como sempre, o apoio técnico e material do Concello de Ribadeo cuxos técnicos e técnicas sempre están ao noso dispor para poñer en marcha cada actividade.