A Mariña, 7 de setembro, 2023. A semana pasada finalizou unha nova edición do Programa “Velando pola miña saúde integral” que chegou neste ano a súa cuarta edición e se desenvolveu entre os meses de xaneiro a agosto. Este programa contempla o apoio para o coidado da saúde mental, saúde física e atención psicosocial das usuarias da Unidade Residencial e da Vivenda Tutelada para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero con Enfermidade Mental da Asociación Saúde Mental A Mariña. Para prestar este apoio as actuacións contempladas foron o acompañamento en citas médicas, acompañamento na xestión de citas e trámites medicos, supervisión do cumprimento das indicacións médicas e dos pastilleiros e desenvolvemento de talleres de Educación para a Saúde.
Entre os resultados obtidos destaca o mantemento da estabilidade clínica do 100% das participantes no programa e o intenso apoio prestado no acompañamento en citas médicas e na xestión de citas e trámites médicos que alcanzou a cifra de 256 acompañamentos. Podemos decir que Velando pola miña saúde integral continua a ser un programa que incide moi positivamente na calidade de vida das participantes e se converte nun apoio fundamental no seu día a día.
Este programa está a ser cofinanciado, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, pola Secretaría Xeral da Igualdade a través da subvención destinada á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e do imposto de sociedades, para o ano 2022.