O adestrador do equipo masculino do Pescados Rubén Burela FS que acariciou o ascenso a Primeira División a tempada pasada, continuará ligado á entidade laranxa ata Xuño de 2026.
David Rial a pesar da súa xuventude, 31 anos, entra no Santiago Futsal como adestrador da base en 2009, club onde se formaría tras pasar por todas as categorías inferiores do mesmo, chegando a ser segundo adestrador do do primeiro equipo, o Santiago Futsal do 2018 ao 2020, así como da Selección Galega Sub19 do 2015 ao 2018. Foi tamén primeiro adestrador do Santiago Futsal durante dúas tempadas así como da Selección Galega Sub19 na 2018/2019. Na tempada 2022/2023 ficha polo Pescados Rubén Burela FS onde continuará como primeiro adestrador ata 2026, ademais do seu importante involucramento cos equipos da base das Escolas Deportivas do club.
O presidente do club, Manuel Blanco, móstrase encantado de continuar con Rial á fronte do equipo, “Estamos encantados de seguir con David, o ano pasado aportou un aire fresco ao equipo, con xente nova, tanto el como os xogadores e tivemos un nivel moi bo a piques de acadar o ascenso”. Fala da multifuncionalidade do adestrador, “David non só está a adestrar ao primeiro equipo e creando unha gran ilusión na afección, tamén está moi involucrado nas categorías inferiores, que son moi importantes para nós. É un gran traballador, unha excelente persoa dentro e fóra do traballo. Sigamos este ano coas boas sensacións da tempada pasada e tentando chegar o máis arriba posible a ver se podemos, este ano tamén, loitar polo ascenso”
David Rial móstrase agradecido ao club, “En primeiro lugar agradecer a Manolo, a toda a directiva e, en especial a Jose Luís, pola confianza depositada en min hai un ano e reforzándoa hoxe con esta renovación, dándolle maior estabilidade a medio prazo ao proxecto deportivo que estamos facendo no club. A nivel persoal estou moi contento de poder quedarme aquí, de poder estar nun lugar exemplar a nivel deportivo no panorama nacional. Creo que hai poucos clubs coa estrutura profesional que ten este e iso fala moito e moi ben da xestión que fai toda a directiva encabezada por Manolo, sustentar un equipo en Primeira División Feminina e un en Segunda División Masculina loitando por cotas moi altas, é moi difícil”. Sobre esta próxima tempada “Tratar de seguir transmitindo o que transmitimos a tempada pasada, que foi un cambio grande no rumbo do proxecto deportivo do club. Desde o primeiro día entendímonos o club e máis eu, e iso chegou á xente, que tamén se sente identificada co que facemos e como o facemos, e ese era o obxectivo, que cada día que veñan aquí se sintan identificados con nós, que desfruten do que facemos pero sobre todo que desfruten de como o facemos e do que transmitimos. A partir de aí trataremos de que os resultados sexan o mellores posibles, xa que evidentemente son importantes neste deporte, tentaremos loitar por estar o máis arriba posible e volver intentar ese ascenso a Primeira División durante esta tempada”.