Lugo, 14 de setembro de 2023. O deputado de Medio Rural, Mar e Mocidade Daniel García recibiu esta tarde no Pazo de San Marcos a un grupo de especialistas en asesoramento rural de Baviera, que están a participar nun programa de intercambio de asesores rurais a nivel europeo, promovido polo goberno bávaro e a Universidade de Santiago de Compostela e no que participa a Asociación de Asesores Rurais de Galicia.
Daniel García encadrou a visita no recoñecemento e apoio que desde a área de Medio Rural se presta á Asociación de Asesores Rurais de Galicia e a estes perfís profesionais que consideramos fundamentais para o desenvolvemento das potencialidades do sector primario, especialmente nunha provincia como a de Lugo na que a gandeiría ten un peso territorial e económico moi destacado, e que é referente tamén en formación polas titulacións que se imparten no Campus Terra”.
A delegación alemana, que ao longo da xornada visitou a Ribeira Sacra, fórmana Frank Trauzetel, director da Axencia de Agricultura de Landshut; Matthias Hillmeier, responsable da Coordinación do Asesoramento da Axencia Estatal de Agricultura de Passau e Katrin Patermann, responsable de formación de agricultores da FUAK (Academia Estatal para o Liderazgo na Agricultura, Bosques e Agroalimentación en Baviera). Na recepción participaron tamén a presidenta da Asociacíon de Asesores Rurais de Galicia, Elena Piñeiro, Susana Trastoy, técnica de Almoga, e Toni Bestad, da entidade de aconsellamento Celtia, que en marzo estiveron en Baviera.
Con este programa de intercambio europeo preténdese poñer en común a complexidade da función do asesor rural nun mundo profesional cada vez máis global e condicionado pola normativa e lexislación establecida pola Política Agraria Común, ademais de servir de reflexión sobre a importancia deste perfil profesional como nexo de unión entre gandeirías e producións agrárias, centros de formación , centros de investigación agraria e tecnolóxica ou universidades que imparten formación vencellada ao sector primario.
A área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo destina unha axuda de 10.000 euros para colaborar coas actividades formativas, e de funcionamento da Asociación de Asesores Rurais de Galicia.