Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira asegura que “se segue habendo residencia municipal en Foz é grazas ao Partido Popular”

O popular condena que Cajoto se queira desvincular da residencia a costa de damnificar aos veciños porque se fora da Xunta non terían prioridade os veciños de Foz: “Ninguén en Foz quere que a residencia a xestione a Xunta, excepto o alcalde”

Foz, 22 de setembro de 2023. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Foz, Javier Castiñeira, asegura que “Cajoto persiste na mentira da residencia” e considera “moi pouco valente e, incluso, enganosa -coma todo o que leva facendo durante este catro anos- a actitude do señor alcalde ao botarlle a culpa ao Partido Popular de todo o que lle sucede á residencia de Foz”.

“É certo que grazas ao Partido Popular hai unha residencia e segue habendo unha residencia en Foz para a xente de Foz con traballadores de Foz. Esa é a realidade moi a pesar de actitude do señor alcalde que vimos ao final do mandato pasado”, sinala Castiñeira. E engade que: “Iso dicímolo no PP e tamén os propios afectados -residentes, familiares e traballadores- que vían que Cajoto lles mentía reiteradamente sobre o asunto da residencia. E agora volve mentir”, remarca.

Castiñeira explica que “primeiro porque no seu día quedou co PP e os afectados en que iamos a participar cando sacara o servizo a contratación os distintos partidos políticos e os propios afectados, pero non o fixo”. De feito, “preséntanos un prego do novo concurso no que el mesmo recoñece que soben os prezos, pero que dende o Grupo Municipal do PP de Foz descoñecemos porque só participou el. Só coñecemos pola prensa que bota a culpa ao Partido Popular”.

O voceiro considera que “esta non é a actitude que lle pedimos a un alcalde” e avanza que “dende o Grupo Municipal do Partido Popular imos intentar participar nesa elaboración dos pregos e se teñen que saír cuns prezos de mercado, o señor Cajoto ten fácil solución: á parte de que os propios usuarios van poder solicitar as axudas que a Xunta ten para eses servizos de residencia o que ten que facer o señor alcalde é incrementar as axudas de emerxencia que xa dispuxo no seu día o goberno do Partido Popular para todas aquelas persoas que se non poden pagar o servizo, sexa o Concello quen lles axude”.

Castiñeira cre que “a actitude do señor alcalde é absolutamente a contraria, desvincularse absolutamente deste servizo; incluso a costa de que sexan os máis damnificados os propios veciños de Foz. Quere cederlla á Xunta de Galicia e, polo tanto, que nesta residencia non teñan prioridade os veciños de Foz”. A este respecto, conclúe: “ninguén en Foz quere que a residencia a xestione a Xunta, excepto o alcalde”.

Exit mobile version