A compañía cántabra Ábrego Producciones presenta en Galicia un espectáculo atravesado polo poema ‘Lear en los claustros’, de José Hierro; e participará en encontros co público ao finalizar as representacións, cuxo acceso será gratuíto ata completar a capacidade dos auditorios
Ribadeo, 27 de setembro de 2023. Camiño Escena Norte, o proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas no que participan compañías teatro, danza e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta fin de semana a Melide e Ribadeo cunha dobre función do espectáculo Lear en las catedrales, unha peza de Ábrego Producciones. Ao finalizar as dúas representacións, os membros da compañía cántabra participarán nun encontro co público asistente.
A montaxe de Lear en las catedrales está atravesada polo poema Lear en el claustro, de José Hierro, e reflicte a decadencia dun rei despoxado de todo e que implora ser amado pola súa filla Cordelia. A obra avanza armando o crebacabezas dunha memoria que tende a esvaecerse no esquecemento, engadindo capas, unhas feitas de realidade e vivencias da actriz e outras feitas de ficción, a das personaxes interpretadas ao longo da súa carreira, nun delicado equilibrio entre o real e o imaxinario, mostrando ao público as reviravoltas ocultas do teatro, os trucos dun oficio vivido en corpo e alma.
Ao finalizar tanto a función no Centro Sociocultural Mingos de Pita de Melide coma a do Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo -cuxo acceso, en ambos casos, será libre ata completar a capacidade do patio de butacas-, a compañía participará nun encontro co público. No caso de Melide, a conversa contará coa mediación de Marta Pérez, de Inversa Teatro; mentres que na de Ribadeo asistirán Eleazar López e Carlos Rebolo, de ÍTACA Teatro.
Para máis información sobre Camiño Escena Norte (CEN), que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), pódese visitar a páxina web oficial www.escenanorte.com.