Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela está presente na ‘Feira Expomar de Cabo Verde’

A Fundación Expomar colabora coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia na “Feira Expomar de Cabo Verde” promocionando o sector pesqueiro galego

Burela, 22 de setembro, 2023. A “Feira Expomar de Cabo Verde” está tendo lugar en Porto de Mindelo, nas instalacións de Enapor, na illa de São Vicente en Cabo Verde, entre o 21 e 23 de setembro. A décima edición da ‘Feira das Actividades Económicas Ligadas ao Mar’ ten por lema “nôs mar, nôs riqueza” (o noso mar, a nosa riqueza) e conta con 50 stands de expositores internacionais onde se celebrarán diferentes encontros de negocios.

A Fundación Expomar está presente dentro da misión comercial da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, representada polo seu director Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, xunto a outras entidades galegas relacionadas coa área marítimo-pesqueira, co obxectivo de afianzar lazos comerciais no ámbito pesqueiro.

O xerente da Fundación Expomar, José M. González ‘Brais’, aproveita esta estancia en Cabo Verde para reforzar aínda máis os contactos que a entidade de Burela ten coa delegación caboverdiana desde hai anos, reuníndose con diferentes autoridades locais, como a administradora delegada da FIC Feira Internacional de Cabo Verde, representantes de Enapor (Portos de Cabo Verde) ou da Câmara Municipal de São Vicente; así como con representantes comerciais de outras entidades como Atunlo.

O director Xeral de Pesca e o xerente de Expomar, aos que tamén se unirá o concelleiro de Mar do Concello de Burela, Ramiro Fernández, manterán este sábado unha reunión co Presidente da Câmara Municipal de São Vicente, Augusto Neves. Os representantes do mar de Burela contan seguir repetindo a presenza da delegación caboverdiana na vindeira edición da Feira Expomar, que terá lugar no porto de Burela dentro de dous anos, en maio de 2025.

Exit mobile version