A concelleira Lina Gómez Pardo reafirma “o compromiso do Concello tanto co medio ambiente como coa promoción dun estilo de vida saudable, que son dous dos eixos centrais da programación”
Lina Gómez Pardo, concelleira de Cultura en Burela e responsable do Centro de Educación Medioambiental Gaia, destaca “o compromiso do Concello tanto co medio ambiente como coa promoción dun estilo de vida saudable, que son dous dos eixos centrais da programación desta nova Semana da Mobilidade”.
A concelleira tamén sinala a aposta do Concello “polo uso da rúa para realizar as actividades, non só nas prazas, e sacar fóra aquelas actividades realizadas en ximnasios, aulas ou pavillóns”. Así mesmo, animou á veciñanza a “facer uso do zapato como o mellor vehículo sostible para ir ao traballo ou ao colexio e instituto”.
Entre as actividades máis destacadas da edición deste ano atópase a subasta de bicicletas usadas, que terá lugar o domingo 17 de setembro na praza do Concello. Gómez Pardo animou “a todas as persoas que teñan na súa casa bicis que xa non usen” a levalas á praza para poñelas a subasta e recibir o seu prezo por elas.
Por outra banda, a alcaldesa de Burela, Carmela López, quixo destacar “a aposta do equipo de Goberno por ter unha vila máis accesible e pensada para as persoas”. López lembrou que o xoves 21, ás 16:30 na praza do Concello, haberá unha xornada de portas abertas para coñecer o Plan de Mobilidade Urbana Sostible, na que se atenderán todas as dúbidas da veciñanza, “unha actividade moi interesante para dar a coñecer este plan e como se vai desenvolver”.
As rúas de Burela acolleran unha gran cantidade de xogos e obradoiros para a cativada e rapazada durante a duración da Semana da Mobilidade. Tamén haberá varias charlas, como as de StopAccidentes ou as de educación vial a cargo da Garda Civil.
Algunhas actividades requerirán de inscrición previa, concretamente o obradoiro de cociña infantil que terá lugar na praza de Abastos o sábado 16 ás 16:30, ou a ruta en bici que sairá da praza do Concello o domingo 17 ás 11:00. En ambos casos, a inscrición poderá realizarse no número 647 163 673.