Anima aos empresarios da comarca a facer as súas achegas co fin de que a ordenación da futura ampliación se axuste ás necesidades e demandas do sector
Neste sentido, Vázquez Mejuto explicou que antes de que remate o ano está previsto que se adxudique o contrato para redactar o Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) que permitirá acometer a ampliación do parque xovense, unha infraestrutura desenvolvida a finais dos anos 90 grazas a un convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello e que na actualidade non ten solo dispoñible a pesar de existir demanda na zona.
Tras lembrar que o novo ámbito previsto abranguerá algo máis de 56.000 metros cadrados e suporá un investimento estimado en 4,24 millóns de euros por parte da empresa pública Xestur, a vicepresidenta considerou necesaria e oportuna esta primeira ampliación xa que permitirá ao parque de Camba sumar máis solo industrial e comercial, ademais de zonas verdes, espazos dotacionais e viarios de acceso.
En todo caso, explicou que no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia se prevé o crecemento deste polígono en ata 120.000 metros cadrados, polo que sería factible tamén abordar futuras fases en caso de que fose necesario.
Neste sentido, a responsable autonómica incidiu na oportunidade que suporá esta primeira ampliación do polígono de Camba para o municipio lucense e para o conxunto da comarca xa que, lembrou, é unha zona onde hai “pouco solo dispoñible”.
Por iso, animou aos empresarios presentes na xuntanza a facer as súas achegas e suxestións co fin de que poidan ser tidas en conta tanto pola Xunta como polos redactores do PEOSE para tratar de axustarse ás súas necesidades.
O PEOSE do parque empresarial de Xove non é o único que tramita a Xunta ao amparo da Lei de áreas empresariais de Galicia aprobada en 2022, que prevé esta figura como un novo instrumento de ordenación e planificación para a creación de solo empresarial que permite reducir prazos para a aprobación dos proxectos de urbanización e simplifica tamén a tramitación ambiental.
Nestes momentos, hai outros 12 plans estruturantes en distintas fases da súa tramitación, sendo os máis avanzados os dos polígonos de Bértoa, en Carballo, Paderne de Allariz e Coristanco —os tres en fase de preparación do documento de aprobación inicial— ou o de Santa Comba, actualmente en redacción.