Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa Ribadeo cualifica de excepcional a tempada de verán

Ribadeo, 1 de setembro de 2023. Acisa Ribadeo cualifica de excepcional a tempada de verán. A patronal ribadense considera que a recuperación da actividade turística é absoluta.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinalou que “foi un verán que respondeu ás expectativas e superounas. Podemos dicir que Ribadeo segue sendo un referente turístico, comercial e gastronómico de primeiro nivel, tal e como indican os datos que o INE fixo públicos hai uns días”.

Cruzado Iglesias explicou que “segundo os datos que manexamos a ocupación hoteleira no mes de agosto estivo entre 95 e o 100 %, cun aumento claro das pernoitas. As reservas en restauración fixeron encher os comedores mesmo en varias quendas para as ceas e comidas e as terrazas dos bares estiveron sempre cheas. Isto, sumado os datos do mes de xuño e xullo, indícanos que foi unha tempada de verán excepcional”.

E engadiu: “en relación ao comercio os asociados e asociadas indícannos que foi unha boa tempada e que a campaña de rebaixas funcionou moi ben, incluso neste mes de agosto notouse un pequeno aumento con respecto a outros anos”.
Para a presidenta de Acisa “sen dúbida foi un bo verán, as rúas estaban cheas de xente con bolsas de compras, para coller terraza había que facer cola, para comer se non tiñas reserva era imposible… E para setembro as expectativas que temos son boas. Outro dato significativo é por exemplo que algunhas estacións de servizo aumentaron as cifras de venda de combustible do ano 2019, así como o claro aumento do consumo nas áreas comerciais de alimentación”.

Carmen Cruzado indicou que “desde Acisa traballamos durante todo o ano intensamente para que a nosa vila siga sendo un referente comercial e hostaleiro a nivel nacional a través de actividades, campañas, sorteos, colaboracións con outras entidades ou promocións e publicidade. E de feito, esforzámonos para que a tempada de verán cada vez sexa cada vez mais longa, que comece o 1 de xuño e finalice o 30 de setembro, deste xeito estamos seguros que este mes que hoxe estreamos e incluso parte de outubro, se o tempo acompaña, será un período dunha afluencia turística considerable en Ribadeo”.

Volta ao cole

O xerente de Acisa, Jesús Pérez Prada, anunciou que “xa temos lista a programación de setembro e estamos a traballar na do último trimestre deste 2023, que virá con diversas actividades e campañas de dinamización tanto para comercio como para hostalaría. Comeza setembro e con el chega a Volta o cole, unha época tamén de gran consumo, especialmente para as familias con nenos e nenas. Por iso, queremos lembrarlles aos veciños e ás veciñas de Ribadeo, que no noso comercio poden encontrar todo o necesario para empezar este novo curso, dende libros de texto, material escolar, roupa de cara o outono/inverno, material electrónico, etc…”

E subliñou que “nos nosos comercios poderán encontrar asesoramento, atención personalizada e produtos de primeira calidade. Non hai mellor lugar para facer as compras desta tempada outono inverno e para a volta ao cole que no comercio local de Ribadeo”.

Exit mobile version